EL
VIAJE
DE
GAGARIN
Blog de la novela
Agustín Fernández Paz

6. «Bucarest. La memoria perdida», un valioso documental


Bucarest. La memoria perdida (Albert Solé, 2000)

pai e filloEste documental do ano 2008 é obra de Albert Solé, fillo do político catalán Jordi Solé Tura, membro do PSUC. Solé Tura, un dos sete políticos que elaboraron o texto da Constitución, foi un dos máis destacados militantes antifranquistas  durante os anos da ditadura de Franco. Obrigado a exiliarse a finais da década dos cincuenta, primeiro en París e logo en Bucarest, onde formou parte do equipo que facía posible as emisións de Radio España Independiente, «a Pirenaica».

BucarestLogo dunha intensa vida política, tamén en cargos institucionais (foi Ministro de Cultura), a enfermidade do Alzheimer comezou a manifestárselle no ano 2004. Foi daquela cando o seu fillo decidiu elaborar o documental, unha indagación sobre a vida dos seus pais e, tamén, sobre a súa historia persoal, as súas raíces. A película estreouse no ano 2008. A finais do 2009, Jordi Solé Tura faleceu; tiña 79 anos.

Bucarest. La memoria perdida (Bucarest, la memòria perduda) ademais doutros aspectos referidos á enfermidade do pai e ás relacións do fillo con el e mais coa súa nai, ofrece unha interesantísima visión sobre a vida dunha familia comunista na clandestinidade. E contribúe a coñecer mellor a realidade do que foi Radio España Independiente.

Na miña opinión, paga moito a pena ver este documental. Velaquí o tráiler:

Trailer ‘Bucarest, la memoria perdida’ de Albert Solé from Minimal Films on Vimeo.

A película completa, emitida pola TVE-2, é esta:

BUCAREST LA MEMORIA PERDIDA (fra) from Minimal Films on Vimeo.

 







Las intenciones de este blog


(A imaxe principal é un fotograma do filme Firs Orbit,
do que se falará noutra entrada do blog)

Este blog xorde coa publicación da novela A viaxe de Gagarin (Edicións Xerais, 2014). Non pretendo que nel aparezan nin comentarios nin explicacións sobre o libro. A novela é un texto autónomo, sería inadecuado que eu tentase explicar aquí as ideas e obsesións que me levaron a escribila: está publicada e ten que se defender soa. O contrario, dalgún xeito, sería ofender a intelixencia das persoas que se acheguen a ela, pois a lectura é un proceso activo e persoal que non precisa de inxerencias do autor.

E logo, por que un blog?

A_viaxe_de_Gagarin_def2É doado explicalo. Para escribir este libro precisei documentarme antes sobre diferentes temas, que se foron ampliando a medida que avanzaba na redacción. Foi un proceso interesantísimo, onde descubrín verdadeiras alfaias: libros, páxinas web, películas, cancións…

A documentación que manexei pareceume tan rica e interesante que me pareceu oportuno compartila coas persoas que o desexen, en vez de deixala, coma outras veces, arquivada nunha carpeta do ordenador. Creo que lles interesará a quen lean o libro: saberán máis dos cambios que trouxo a década dos sesenta, especialmente na España da ditadura, a etapa en que suceden os feitos narrados n’A viaxe de Gagarin. E tamén lles ha interesar ás persoas que non lean o libro, pois son informacións con interese de seu.

Todo o que eu escriba aquí serán sempre textos mínimos, que sirvan para presentar ou contextualizar os documentos, textuais e audiovisuais, que se vaian incluíndo nas seguintes entradas.

Un blog con data de caducidade

Xa que logo, o blog paréceme a vía idónea para compartir a información. Un blog que ten data de caducidade: nun cálculo aproximado, sáenme entre vinte e vinte e cinco entradas de interese. Esas serán as que desenvolva; cando as acabe, poñereille o ramo a esta iniciativa. A un ritmo de dúas por semana, en menos de tres meses estará rematado.

Como un blog é un organismo vivo, onde os lectores poden intervir, non exclúo que a información se poida ampliar con outros documentos que as persoas acheguen. Oxalá ocorra iso, habémolo saber co tempo.

 







4. «First Orbit», un documento excepcional


No ano 2011, coincidindo co cincuenta aniversario da viaxe de Gagarin, estreouse o filme documental First Orbit, do director británico Christopher Riley.

Este filme constitúe un magnífico documento, pois recrea coa meirande fidelidade a viaxe de Gagarin. Desta viaxe (lembremos que era o ano 1961) tan só se conservan algúns anacos audiovisuais, os que se filmaron por encarga do goberno soviético. Mais o que si se conserva completo é o audio das comunicacións do cosmonauta cos técnicos da base de Baikonur.

Baseándose neste audio, Riley propúxose recrear as paisaxes que viu Gagarin durante os 108 minutos que durou o voo. Coa axuda do astronauta Paolo Naspoli, da Axencia Espacial Europea, que se encargou de gravar as imaxes, conseguiu programar unha órbita da Estación Espacial Internacional, unha órbita coa mesma traxectoria e similares condicións que a de Gagarin. O resultado é o documental First Orbit, que paga moito a pena ver.

No documental hai algúns anacos especialmente emotivos. Gagarin sabía previamente que, pola órbita que percorría, a comunicación coa base quedaría cortada ao non poder chegar as ondas de radio. Xa o sabía, mais durante uns minutos chama reiteradamente á base e obtén só o silencio como resposta. Cabía a posibilidade de que a nave saíra da órbita e se perdera no espazo. Cando por fin lle contestan, percíbese a fin do desacougo que sentira durante o tempo de silencio.

Velaquí dous vídeos. O primeiro contén a película completa. O segundo corresponde ao making of do filme.