EL
VIAJE
DE
GAGARIN
Blog de la novela
Agustín Fernández Paz

27. A oposición ao franquismo


 (A fotografía procede da páxina  http://www.makma.net/)

Boa parte da trama de A viaxe de Gagarin desenvólvese na España dos anos sesenta, unha década en que a ditadura de Franco –contra o que se adoita pensar– reprimiu con dureza os movementos sociais que se opuñan ao franquismo e loitaban polas liberdades básicas, presentes nas democracias europeas, mais ausentes na sociedade española.

primeraasambleageneraldeccooA oposición ao franquismo manifestouse con especial intensidade no mundo obreiro (deses anos é o nacemento das Comisións Obreiras, que aproveitaron as vías de participación do Sindicato Vertical, o único que permitía a ditadura) e tamén no ámbito universitario.

En Galicia, as loitas obreiras deses anos, sobre todo nas bisbarras de Vigo e Ferrol, están moi ben contadas no libro O latexo da vida e da conciencia. Memorias colectivas de Rafael Pillado, que xa comentei hai algúns meses no meu blog «Un lector». En canto ás loitas na Universidade (daquela só había a de Compostela) é moi interesante o libro Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1969 de Ricardo Gurriarán.


Carrillo e Pasionaria 2Dos partidos políticos (todos clandestinos, pois estaban prohibidos), o mellor organizado era o Partido Comunista de España (PCE), sobre o que hoxe existe ampla documentación. Coa dirección no exilio francés, acadou unha ampla influencia nos movementos de oposición ao Réxime. Naqueles anos xogou un papel importante Dolores Ibarruri, A Pasionaria, así como Santiago Carrillo, o Secretario Xeral. Algúns acontecementos que marcaron a súa evolución foron a represión sobre Hungría (1956), o esmagamento da Primavera de Praga» (1969) e a crise derivada da expulsión de Jorge Semprún e Fernando Claudín. A propia Dirección do PCE elaborou unha Historia del PCE hasta 1960, moi cuestionable. Velaquí un documental sobre Dolores Ibarruri, que dalgún xeito reflicte a historia do PCE:


(Esta é a primeira parte. A segunda, aquí, e a terceira, nestoutro enlace.)

Existían outros partidos clandestinos, mais o seu papel tivo menos relevancia, localizada ás veces nun único sector. En Galicia, aparecen neses anos dous partidos nacionalistas chamados a ter relevancia: o PSG fúndase no ano 1963 e a UPG no ano 1964.

Sobre o papel do Partido Comunista en Galicia, e sobre as actuacións arriscadas dos seus militantes, existe un documental interesantísimo: O meu nome é Luís Ferreiro. Unha historia do antifranquismo galego, dirixido por Roi Cagiao e Fernando Llor. Velaquí o seu tráiler:´

En 1966, Alain Resnais rodou un filme moi interesante, con guión de Jorge Semprún: La Guerre est Finie , que reflicte moi ben as dificultades dos militantes comunistas que traballaban na clandestinidade. Velaquí os minutos iniciais:







26. Al alba, al alba


Na parte final da novela, faise referencia ás derradeiras condenas a morte do réxime de Franco, en setembro de 1975:

Alí vivín os terribles últimos días de setembro de 1975, cando toda Europa asistiu estremecida ás cinco condenas a morte que decidiu o réxime de Franco, obstinado en evidenciar a súa crueldade ata o final. Lembro como milleiros de persoas estivemos toda unha noite na Place de la Concorde, nunha vixilia de silencio e de candeas acesas. Unha protesta que, coma tantas outras, non foi atendida: na mañá do 27 de setembro, os cinco mozos foron fusilados.

Hoxe contamos con ampla información sobre todo o proceso que levou ás condenas a morte, cun xuízo cargado de irregularidades. Os executados foron dous militantes de ETA, Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui, e tres do FRAP, José Luis Sánchez Bravo, Ramón García Sanz e Humberto García Baena, que era de Vigo, onde reside a súa familia, que honra a súa memoria cada 27 de setembro.

As execucións suscitaron protestas, moito máis enérxicas e numerosas fóra de España (mesmo o Papa Pablo VI e outros gobernos europeos intercederon polos condenados), mais foron inútiles. Franco xustificou o sucedido no seu derradeiro discurso, entre o fervor da xente que o aclamaba na Praza de Oriente. Faltaban menos de dous meses para a morte do ditador.

Co paso dos anos foise sabendo máis daquelas semanas. Esta reportaxe de «Informe Semanal» de TVE fai un bo resumo dos feitos. Tamén é interesante ver este avance do documental Septiembre del 75 (2009), dirixido por Alberto Dufour.

Luis Eduardo Aute compuxo unha canción inesquecible, «Al alba», para expresar a súa indignación ante as condenas. A letra, metafórica para evitar a censura, ten maior profundidade e permanencia que se fose explícita. Quen primeiro a gravou foi a cantante Rosa León, e máis tarde fíxoo o propio Aute:

A versión de Rosa León:







25. Queimar era un pracer


(Na imaxe, un fotograma de Fahrenheit 451
a película que François Truffaut fixo sobre a novela de Ray Bradbury)

fahrenheit-4512En A viaxe de Gagarin, a novela Fahrenheit 451, do escritor norteamericano Ray Bradbury, ten unha destacada presenza de carácter simbólico, e algúns fragmentos dela ocupan case por completo o capítulo 24.

Nos anos sesenta publicouna en España a editorial Plaza&Janés, foi a primeira novela de Ray Bradbury que se puido ler. Poucos anos despois, xa no final da década, comezarían a venderse en España os libros da Editorial Minotauro, que fundara en Bos Aires o galego Francisco Porrúa, o mesmo que editaría os Cien años de soledad de García Márquez, o Rayuela de Cortázar ou O Hobbit e O Señor dos Aneis de Tolkien.

Minotauro, especializada en bos libros de ciencia ficción, foi unha marabilla para as persoas amantes do xénero. Unha colección que se inaugurara en 1955, precisamente con outra novela de Ray Bradbury, Crónicas Marcianas, con prólogo de J. L. Borges (desta novela extraordinaria, hai edición galega en Xerais, o mesmo que de Fahrenheit 451).

“Queimar era un pracer.”

Con estas palabras  comeza Fahrenheit 451, que Ray Bradbury (1920-2012) escribiu en 1953, nos anos en que os Estados Unidos vivían a represión da “caza de bruxas” do infame senador McCarthy. O propio Bradbury, nun texto imprescindible (“A lume vivo”) que se inclúe como introdución nalgunhas edicións do libro (por exemplo, na edición galega de Xerais, con tradución de Mª Magdalena Fernández Pérez) explica cal foi a xénese desta novela, tan afastada dos parámetros oficiais da ciencia ficción.

En realidade, aínda que nos seus libros empregue os recursos da ciencia ficción, as novelas e relatos de Bradbury achégannos a temas que estaban de actualidade no seu tempo e que, en boa medida, seguen a estalo nestes primeiros anos do século XXI. Tal ocorre con Fahrenheit 451, unha fábula sobre a importancia da liberdade, sobre os perigos da manipulación social e da alienación tecnolóxica, sobre a opresión que nos chega desde o poder… E, sobre todo, unha defensa afervoada da cultura, dos libros e da lectura, de necesidade que temos as persoas de soñar, de que nos conten historias. E da rebeldía, como exemplifica a cita de Juan Ramón Juménez que abre o libro: «Se che dan papel raiado, escribe pola outra cara.»

A trama desta novela imprescindible xa é coñecida dabondo. Transcorre nunha sociedade futura onde a lectura está prohibida. Montag é un xefe dos bombeiros encargados de queimar os libros. Un día, cando se dispón a queimar os que descubriran na casa dunha anciá, colle algúns deles e gárdaos para si. Está intrigado, quere saber que hai neses pequenos obxectos tan importantes para algunhas persoas. Leos, ás agachadas, e reincide máis veces, ata quedar atrapado nas redes da lectura. Converterase entón nun ilegal, perseguido polos que foran os seus compañeiros, forzado a fuxir se quere salvar a súa vida.

Nesta secuencia de Fahrenheit 451, a película que fixo Truffaut, está moi ben recollida a obsesión pola queima de libros e os razoamentos que o xefe dos bombeiros lle fai ao protagonista:

A queima de libros é máis ca unha metáfora. Temos na historia exemplos dabondo para comprobarmos que as sociedades totalitarias odian os libros (ou certa clase de libros) e fan canto sexa necesario para prohibilos ou para destruílos. Tamén para queimalos: aí están os exemplo da Alemaña de Hitler, do Chile de Pinochet e da Arxentina da Junta Militar ou da España de Franco (tremenda!, a foto da queima de libros na Coruña que Manuel Rivas coloca ao inicio do seu Os libros arden mal).

Hai moitos máis fíos neste libro, quen queira afondar nel pode facelo neste enlace, nestoutro ou noutro máis. E hai un final sorprendente e marabilloso, que pon unha raiola de esperanza no panorama opresivo que preside a novela. Un final que levou, entre outras realizacións, á creación do Proyecto Fahrenheit 451 (as persoas libro) por parte da Escuela de Escritores, unha iniciativa moi estimable, da que este vídeo é unha mostra: