EL
VIAJE
DE
GAGARIN
Blog de la novela
Agustín Fernández Paz

21. Os «estados de excepción»


(Na imaxe, manifestación de obreiros durante unha folga)

Os estados de excepción

En diversos capítulos da novela hai referencias ao estado de excepción, un termo que pode resultar estraño a calquera lector que non vivise os anos sesenta. O que era está ben explicado neste fragmento do libro La memoria insumisa. Sobre la dictadura de Franco (1999), de Nicolás Sartorius  e Javier Alfaya:

Nunha ditadura un estado de excepción constitúe un sarcasmo, xa que ese estado é o habitual na vida do país. Franco utilizou de xeito reiterado este método, en especial nos anos do chamado «tardofranquismo».
A ditadura, malia a súa gran capacidade represiva, era feble desde o punto de vista político. Chegaba con que unha parte da poboación, polo xeral obreiros ou estudantes, se mobilizara (…) para que ao réxime lle entrase un estraño pánico e se apurase a suspender decontado a aplicación de determinados artigos do Fuero de los Españoles.
(…) O réxime tiña tal medo a calquera mobilización popular que, cando se producía, establecía unha especie de ditadura na ditadura (…) Iso significaba que as forzas de seguridade do Estado gozaban aínda de maior carta branca e podían facer o seu traballo sen controis de ningún tipo.

Os estados de excepción foron numerosos dabondo, como se pode observar neste cadro, tomado de El TOP. La represión de la libertad (1963-1977) de Juan José del Águila:

Cadro estados de excepción franquismo3

 O estado de excepción de 1969

Este é o período de excepción máis coñecido, pois por vez primeira se estendeu a toda España. Ademais das folgas e protestas que houbera durante 1968, un detonante  inmediato foi o asasinato do estudante Enrique Ruano Casanova, que desde o goberno se quixo presentar como un suicidio.

Homenaje a Enrique Ruano a 40 años de su asesinato from Freepresscoop on Vimeo.

Durante os meses que durou houbo numerosas detencións e deportacións. Hai un documental, Deportados 1969, que pode servir de mostra, pois recolle moi ben a deportación de diversos membros das Comisións Obreiras andaluzas.







20. As películas da novela (3)


(Na imaxe, un fotograma de West Side Story,
co enfrontamente entre as dúas bandas rivais, os Sharks e os Jets, no West Side de New York)

No capítulo 18 da novela, o protagonista lembra as películas que viu na compaña da moza que amaba:

Aínda gardo as entradas das películas que vimos xuntos aquel ano, daquela eran ben máis grandes ca eses tíckets ridículos que empregan agora. Como tiña o costume de lles poñer por detrás o título e a data, podo rememorar cada unha daquelas funcións compartidas. Como esquecelas, se forman parte dos momentos máis felices da miña vida? O coleccionista, ¿Que foi de Baby Jane?, West Side Story, O planeta dos simios, O graduado, My Fair Lady, Doutor Zhivago, Bonnie and Clyde… Películas que, cando agora as reencontro nalgunha cadea de televisión, me enfrontan á alegría da lembranza e ao amargor da perda, que sempre acaba por impoñerse.

Todos eles son filmes que acadaron un amplo éxito comercial cando se estrearon en España. E, por unha ou outra razón, co paso dos anos acabaron por ser referentes  significativos do cine da década dos sesenta. Velaquí o trailer (ou unha pequena reportaxe) sobre cada un deles.

O coleccionista (The collector, 1965. Dir. William Wyler) é unha película que abriu camiño á posterior xeira de películas de psicópatas, entre o drama e o terror. Con só dous personaxes, Wyler artellou un filme imposible de esquecer.

Que foi de Baby Jane? (What Ever Happened to Baby Jane?, 1962. Dir. Robert Aldrich). Dúas irmás que se odían vense na obriga de vivir na mesma casa. Unha non se pode valer por si mesma e terá que sufrir as maldades da outra. Unha interpretación soberbia de Bette Davies e Joan Crawford.

West Side Story (West Side Story, 1961. Dir. Robert Wise e Jerome Robbins) foi unha das películas míticas entre a mocidade dos sesenta. O drama de Romeo e Xulieta trasladado a un barrio marxinal de New York, co problema da inmigración como fondo, e con extraordinarias secuencias musicais.

O planeta dos simios (Planet of the Apes, 1968. Dir. Franklin J. Schaffner). Aínda que en anos posteriores houbo outras versións, esta película conserva unha forza que non chegou a acadar ningunha outra. A secuencia final é unha das máis famosas da historia do cine.

O graduado (The Graduate, 1967. Dir. Mike Nichols). Á sona desta película contribuíu a súa banda sonora, con cancións de Simon & Garfunkel. Unha historia de amor, dentro da confrontación xeracional que se deu na década dos sesenta.

My Fair Lady (My Fair Lady, 1964. Dir. George Cukor). Un dos musicais máis coñecidos, que recrea a historia de Pigmalión no Londres dos primeiros anos do século XX.

Doutor Zhivago (Doctor Zhivago, 1965. Dir. David Lean). Baseado na novela do Nobel ruso Boris Pasternak, o filme conta unha historia de amor no contexto dos anos da revolución rusa, nunha reconstrución histórica magnífica.

Bonnie and Clyde (Bonnie & Clyde, 1967. Dir. Arthur Penn). Unha das películas máis populares da década, baseada na historia real dunha parella que se dedicaba a atracar bancos. Unha visión nova do cine de gansters.







19. A primavera de Praga


(Unha das imaxes da ocupación de Praga, tomada do blog «Cuadernos de resistencia»)

No capítulo 14 da novela, os pais do protagonista e a parella coa que se reúnen con frecuencia, discuten sobre o acontecido en Checoslovaquia:

(…) Tamén para discutir, pois algunhas veces había serios desacordos entre eles. Lembro unha das cuestións que non deixou de aparecer durante varios meses: as mudanzas que se estaban a experimentar en Checoslovaquia desde a chegada ao poder de Alexander Dubcek, e o malestar da URSS ante eses cambios. En agosto produciuse a ocupación de Praga e outras cidades do país polos tanques e as tropas do Pacto de Varsovia, e iso provocou as conversas máis apaixonadas das que gardo lembranza.

A Primavera de Praga
Primavera de Praga 1
Tras o reparto das áreas de influencia entre as potencias vencedoras da 2ª Guerra Mundial, os países do Este de Europa quedaron baixo o control da URSS, que impuxo neles a súa ideoloxía. O esmagamento de Hungría en 1956 deixou clara este dependencia.

Cando Kruschev subiu ao poder na URSS e denunciou as desfeitas do stalinismo, as cousas pareceron cambiar. Esta política de Kruschev continuou con Breznev, o novo secretario xeral do Partido Comunista.

Checoslovaquia era o estado onde a sociedade demandaba unhas maiores liberdades. O 5 de xaneiro de 1968, Alexander Dubcek ocupou a xefatura do Partido e do goberno. Decontado impulsou un proceso de reformas, na procura do que se denominou «o socialismo con rostro humano«. Estas reformas foron moi ben aceptadas pola poboación, sobre todo entre a mocidade.

Dubcek e o seu goberno non cuestionaban a pertenza ao Pacto de Varsovia nin tampouco a ideoloxía socialista. Só querían levar á práctica unha vía propia para unha nova sociedade socialista.

O esmagamento do «socialismo con rostro humano»

Primavera de Praga 2Mais estes cambios en Checoslovaquia suscitaron as protestas dos gobernos da República Democrática Alemá e de Polonia, así como o malestar da URSS. E así, o 20 de agosto de 1968 medio millón de soldados e 7000 tanques invadiron o país, ocuparon a capital e as principais cidades e detiveron aos gobernantes. Houbo moitas protestas entre a poboación, máis de nada serviron. A «Primavera de Praga» quedou definitivamente esmagada.

Isto motivou grandes discusións nos partidos comunistas de Europa Occidental, sobre todo no francés, no español e no italiano, que decidiron seguir unha vía propia, sen dependencia da URSS. Nacía o que se chamou o «eurocomunismo».

Velaquí un documental máis extenso, elaborado pola Televisión Francesa: