EL
VIAJE
DE
GAGARIN
Blog de la novela
Agustín Fernández Paz

8. Valentina Tereshkova: unha muller no espazo


O proxecto Vostok comezou coa viaxe de Gagarin, en abril de 1961. E finalizou co lanzamento da nave Vostok 6, o 16 de xuño de 1963. O que fixo que este último voo pasase á historia foi o feito de que a nave ía tripulada por unha muller, Valentina Tereshkova.

A nave orbitou corenta e oito veces arredor da Terra, e V. Tereshkova estivo no espazo case tres días. Unha viaxe moito máis complexa ca a inicial de Gagarin. Foi a primeira cosmonauta da historia e, durante moito tempo, a única, pois pasaron moitos antes de que outra muller viaxase ao espazo (soviéticas, só dúas máis; as restantes foron de voos dos EE.UU.)

Valentina Tereshkova nacera no ano 1937, así que tiña vinte e seis cando subiu á Vostok VI. Non tiña experiencia previa como piloto, mais si como paracaidista, con máis de oitenta saltos. Cando o goberno soviético decidiu enviar unha muller ao espazo, en boa medida polo efecto propagandístico que provocaría, seleccionou un reducido grupo de candidatas, e a elixida foi ela. O seu nome en clave mentres durou a misión foi Chaika (gaivota).

Despois da súa fazaña, que lle proporcionou unha popularidade mundial, graduouse en enxeñaría espacial e traballou como instrutora de cosmonautas. Na actualidade, segue vivindo en Rusia.

Velaquí unha entrevista con Valentina Tereshkova. É do ano 2013, na canle Rusia Today, con motivo do 50 aniversario do seu voo espacial:







10. As novelas de quiosco


Na trama de A viaxe de Gagarin teñen unha certa relevancia as chamadas novelas de quiosco  ou novelas populares. Xa desde os anos corenta, pero máis nos cincuenta e nos sesenta, tiveron unha gran difusión e foron a lectura principal dunha boa parte da poboación que non tiña acceso a outros libros máis literarios. Eran baratas (tamén se lles chamou «novelas de a peso«, por ser ese o seu valor) e, unha vez lidas, podían ser cambiadas por outras, xeralmente no mesmo quiosco. Desprezadas durante moitos anos, xa hai tempo que son obxecto de estudo pola importancia sociolóxica que tiveron.

Aínda que había unha grande variedade, distinguíanse catro xéneros principais:
as de historias románticas, as do Oeste ou «de vaqueiros», as policiacas e as de ciencia-ficción.

Se ben algúns autores asinaban co seu nome verdadeiro (como Marcial Lafuente Estefanía, figura principal nas do Oeste; ou José Mallorquí, autor da serie El Coyote; ou Corin Tellado (raíña indiscutible nas do xénero romántico), a maioría facíano cun nome ficticio, que as editoriais xulgaban máis comercial.

Deste xeito, na actualidade sabemos que Silver Kane era Francisco González Ledesma, hoxe recoñecido autor de novela negra; Keith Luger era Miguel Oliveros Tovar; Clark Carrados, o pseudónimo de Luis García Lecha; Curtis Garland, o de Juan Gallardo Muñoz, etc
Sobre Silver Kane, velaquí unha brevísima reportaxe en «TVE a la carta» e tamén un vídeo sobre os seus libros:

Unha boa parte destes autores chegaron á escrita destas narracións como unha saída á súa situación persoal, pois foron represaliados tras a guerra civil e a escritura representaba unha oportunidade de ter un traballo remunerado. Todos keith luger 2eles estaban sometidos a un ritmo de produción durísimo, coa obriga de presentar un manuscrito semanal ou, no mellor dos casos, quincenalmente.

A editorial líder neste tipo de publicacións foi sempre Bruguera, aínda que había outras como Toray, Cliper ou Molino. En todos os casos, o mesmo que pasaba cos tebeos, estaban sometidas ao control da censura.

Marcial Lafuente Estefanía ten un papel na historia da edición galega, pois foi en Vigo onde comezou a súa carreira. Xunto con Eduardo Barrientos, fundou a Editorial Cíes en 1941, e nela publicou as súas primeiras novelas.

Se alguén desexa ampliar información sobre as novelas de quiosco, aquí ofrécese unha ampla relación de enlaces.

 

 







9. Os «tebeos» de Gagarin


(A ilustración corresponde á portada dun dos cadernos  da primeira etapa de El Capitán Trueno, cando aínda os debuxaba Ambrós)

«Mamá marchaba para a cociña e eu quedaba na compaña daqueles heroes que me fascinaban: El Cachorro, El Jeque Blanco, El inspector Dan, Aventuras del FBI… Por fortuna, con algúns non tiña que ter tantos coidados, podía lelos e relelos cantas veces quixer. Isto era porque ao meu pai lle gustaban tanto coma a min, ou máis, e dalgunhas series, como Hazañas Bélicas ou El Mundo Futuro, quedaba sempre cun exemplar para ilos coleccionando. A min deixábanme facer o mesmo cos de El Capitán Trueno, os meus preferidos por riba de todos.»

Este breve fragmento da novela enmárcase dentro das lembranzas que o protagonista fai sobre os tebeos da súa infancia. Nos anos cincuenta e nos primeiros da década dos sesenta, os tebeos coñeceron unha gran difusión en España, con tiraxes que hoxe nos parecen incribles. Eran «o cine dos pobres», presentes en todos os fogares.

Hazañas BélicasOs que se citan ( El CachorroEl Jeque BlancoEl inspector DanAventuras del FBIHazañas BélicasEl Mundo Futuro, El Capitán Truenoson todos do xénero de aventuras, o preferido polos nenos; eran de formato apaisado e utilizaban a fórmula do (continuará), que garantía a fidelidade dos lectores.

Tamén os había especificamente dirixidos ás nenas (Azucena, Rosas BlancasFlorita…). Con todo, os máis populares eran os de humor, lidos por pequenos e grandes (Pulgarcito, Tío Vivo, DDT, Tebeo…), onde naceron personaxes que durante moitos anos foron unha importante referencia social: Carpanta, Zipi y Zape, Doña Urraca, Las hermanas Gilda… Desde unha perspectiva nostálxica, é imprescindible visitar a páxina El Desván de Rafael Castillejo.

Existen numeroso libros que analizan os tebeos do franquismo tanto desde un enfoque ideolóxico como sociolóxico (mesmo eu escribín un longo ensaio, incluído en O rastro que deixamos). A eles remito, para quen desexen saber máis da gran importancia que tiveron.

P.S.: Sobre El Capitán Trueno e a importancia que tivo para os nenos da miña xeración xa falei nunha das primeiras entradas do meu blog «Un lector».

 (A canción «Capitán Trueno», polo grupo Asfalto)