Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
Cando se remata unha casa (ou, polo menos, cando se lle pon o tellado e queda a estrutura feita), existe o costume de poñer uns ramallos no curuto do edificio. É un xeito de expresar que xa se acimou a obra, ou o principal dela, e o traballo fica concluído.
De aí vén a expresión Poñer(lle) o ramo… Utilizámola para indicar que, coa parte que vimos de facer, o traballo queda rematado. Segundo o Gran Dicionario Xerais da Lingua, “ramallo que se coloca no tellado para indicar o final da construción”. E no Dicionario de Fraseoloxía Galega, “poñer o ramo” defínese como equivalente a “rematar, concluír”.
Por iso se titula así esta trixésima entrada do Blog Gagarin. Porque, con ela, lle dou cabo a un traballo que comecei un pouco antes de se publicar a novela, aló por finais de abril. Unha empresa que me apetecía moito facer, polas razóns que se explican na primeira entrada. Mais tamén unha empresa que agora remato con gusto, pois foi fatigoso o traballo que levou e moitas as horas que lle dediquei.
Ben sei que aínda podería haber algunha entrada máis, co mesmo dereito que estas trinta. Coma tal, unha dedicada a Eleanor Rigby, a canción de The Beatles que motiva a primeira conversa entre Miguel e Francesca. Mais desta canción xa falei noutro lugar, así que aquí chega con poñer o anaco de Yellow Submarine en que a cantan:
Beatles – Eleanor Rigby por hushhush112
E tamén podería poñer a ampla documentación que reunín sobre A Coruña dos anos sesenta, tan distinta da de agora. Como mostra, velaquí un vídeo que nos fai lembrar o moito que medrou a cidade nos últimos corenta anos:
Aínda así, o trinta é un número moi xeitoso. Nas trinta entradas queda recollida unha boa parte da documentación que utilicei para escribir A viaxe de Gagarin. Esa que non sae na novela, mais que é imprescindible para escribila. Dalgún xeito, vén sendo coma un río subterráneo que percorre todas as páxinas e as nutre de vida e de verosimilitude..
Deixo aquí constancia do meu agradecemento a todas aquelas persoas que foron seguindo o medre deste blog, entrada tras entrada. Moitas fixéronme chegar as súas suxestións, que agradezo ben.
A todas as persoas que, a partir de hoxe, se acheguen a este blog prégolles que, se ven algún erro ou dato inexacto en calquera das entradas, fagan o favor de comunicarmo, para poder corrixilo.
Un bo xeito de rematar o blog pode ser co book trailer da novela. Agora si que queda posto o ramo!:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.