Sobre este Blog



Un blog para A viaxe de Gagarin

Este blog xorde coa publicación da novela A viaxe de Gagarin (Edicións Xerais, 2014), mais nel non aparecerán nin comentarios nin explicacións sobre o libro. A novela é un texto autónomo, sería inadecuado que eu tentase explicar aquí as ideas e obsesións que me levaron a escribila: está publicada e ten que se defender soa. O contrario, dalgún xeito, sería ofender a intelixencia das persoas que se acheguen a ela, pois a lectura é un proceso activo e persoal que non precisa de inxerencias.

E logo, por que un blog?

Para escribir este libro precisei documentarme antes sobre diversos temas, que se foron ampliando a medida que avanzaba na redacción. Foi un proceso interesantísimo, onde descubrín verdadeiras alfaias: libros, páxinas web, películas, cancións…

A documentación que manexei pareceume tan rica e interesante que me pareceu oportuno compartila coas persoas que o desexasen, en vez de deixala, coma outras veces, arquivada nunha carpeta do ordenador. Creo que lles interesará a quen lean o libro, porque saberán máis dos cambios que trouxo a década dos sesenta, especialmente na España da ditadura, a etapa en que suceden os feitos narrados n’A viaxe de Gagarin. E tamén lles ha interesar ás persoas que non lean o libro, porque se trata de informacións que teñen interese de seu.

Un blog con data de caducidade

A vía para compartir a información será o presente blog. Un blog que ten data de caducidade: nun cálculo aproximado, sáenme entre vinte e vinte e cinco entradas de interese. Esas serán as que desenvolva; cando as acabe, poñereille o ramo a esta iniciativa. A un ritmo de dúas por semana, en menos de tres meses estará rematado.
Como un blog é un organismo vivo, onde os lectores poden intervir, non exclúo que a información se poida ampliar cos documentos que as persoas acheguen. Oxalá ocorra iso, habémolo saber co tempo.