A
VIAXE
DE
GAGARIN
Blog da novela
Agustín Fernández Paz

3. Iuri Gagarin: o primeiro cosmonauta


Unha data para a historia

Foi o 12 de abril de 1961.  Ese día, desde o cosmódromo de Baikonur, situado no que na actualidade é Kazaxistán, a nave Vostok 1 iniciaba o que sería o primeiro voo espacial tripulado. No seu interior ía Iuri Gagarin, a primeira persoa en saír ao espazo exterior e realizar unha órbita completa ao redor da Terra. Na terminoloxía soviética, o primeiro cosmonauta.

O proxecto Vostok, o seguinte despois do Spútnik, tiña como obxectivo poñer en órbita naves tripuladas. A primeira foi a de Gagarin; a sexta e última, a de Valentina Tereshkova.

Iuri Gagarin naceu en 1934, nunha familia que formaba parte dunha granxa colectiva. Foi un dos máis de tres mil aspirantes para participar no programa espacial da URSS, dos que foron seleccionados dezaoito. Finalmente, foron el e German Titov (que logo tripularía a Vostok 2) os elixidos para o primeiro voo.

Gagarin finou nun accidente aéreo en marzo de 1968, cando pilotaba un avión MIG. Daquela só tiña 34 anos. Non se souberon as causas reais que provocaron o accidente ata o ano 2013, cando o goberno ruso deu a coñecer o que realmente sucedera.

É moita a documentación que podemos atopar sobre a vida de Gagarin. Dela, selecciono aquí este documental feito pola Canle Historia:

A viaxe de Gagarin

Aínda que visto desde hoxe semelle moi sinxelo, o voo de Gagarin foi un fito non só na carreira espacial, senón na historia da humanidade. Significou un gran éxito para a URSS e tivo unha enorme repercusión mundial. Daquela non se sabía nada dos efectos que a saída ao espazo podía ter nun ser humano. Consciente da súa transcendencia, Gagarin pronunciou unha breve mensaxe antes de se introducir na nave:

Queridos amigos, coñecidos e descoñecidos, os meus queridos compatriotas e toda a humanidade, nos próximos e breves minutos posiblemente unha nave espacial me leve ao distante espazo exterior do universo.
Que podo dicir nestes últimos minutos antes de partir? Toda a miña vida aparece diante de min neste único e fermoso momento. Todo o que fixen e vivín foi para isto.

Velaquí dous valiosos vídeos sobre o voo e a súa repercusión. O primeiro deles está feito en Moscova, no ano 1971, cando aínda existía a URSS. O segundo, está feito na actualidade pola canle de TV Rusia Today.

Hai dous anos, fíxose en Rusia unha película sobre a vida do cosmonauta, Gagarin, o primeiro no espazo. A ela corresponde esta secuencia onde se reproduce o lanzamento do foguete e os primeiros minutos do voo:

O legado de Gagarin

O 12 de abril do ano 2011 celebrouse en todo o mundo “A noite de Iuri“, para conmemorar os cincuenta anos da súa histórica viaxe. Esta celebración, que xa comezara uns anos antes, continúa a producirse cada ano. Ademais, a noticia que desvelaba as causas reais do accidente que causou a súa morte, contribuíu a reavivar o interese pola vida de Gagarin.

Na Rede existe un conxunto de blogs e webs que lle renden homenaxe, a YURIESFERA, onde atoparemos enlaces a todo tipo de documentos,  escritos e audiovisuais, sobre o cosmonauta. O pasado 12 de abril, para celebrar o aniversario do voo, publicaron unha entrada modélica e completísima.

Quero destacar tamén un blog interesantísimo, La pizarra de Yuri, con exhaustivas entradas de carácter científico. Paga moito a pena ler a entrada onde narra a aterraxe de Gagarin. nun lugar case deshabitado, a mil cincocentros quilómetros do cosmódromo de Baikonur.

 

 







4. “First Orbit”, un documento excepcional


No ano 2011, coincidindo co cincuenta aniversario da viaxe de Gagarin, estreouse o filme documental First Orbit, do director británico Christopher Riley.

Este filme constitúe un magnífico documento, pois recrea coa meirande fidelidade a viaxe de Gagarin. Desta viaxe (lembremos que era o ano 1961) tan só se conservan algúns anacos audiovisuais, os que se filmaron por encarga do goberno soviético. Mais o que si se conserva completo é o audio das comunicacións do cosmonauta cos técnicos da base de Baikonur.

Baseándose neste audio, Riley propúxose recrear as paisaxes que viu Gagarin durante os 108 minutos que durou o voo. Coa axuda do astronauta Paolo Naspoli, da Axencia Espacial Europea, que se encargou de gravar as imaxes, conseguiu programar unha órbita da Estación Espacial Internacional, unha órbita coa mesma traxectoria e similares condicións que a de Gagarin. O resultado é o documental First Orbit, que paga moito a pena ver.

No documental hai algúns anacos especialmente emotivos. Gagarin sabía previamente que, pola órbita que percorría, a comunicación coa base quedaría cortada ao non poder chegar as ondas de radio. Xa o sabía, mais durante uns minutos chama reiteradamente á base e obtén só o silencio como resposta. Cabía a posibilidade de que a nave saíra da órbita e se perdera no espazo. Cando por fin lle contestan, percíbese a fin do desacougo que sentira durante o tempo de silencio.

Velaquí dous vídeos. O primeiro contén a película completa. O segundo corresponde ao making of do filme.







2. O inicio da carreira espacial: o Spútnik 1


O primeiro satélite artificial

Nos anos cincuenta, comezou a tomar corpo a idea de lanzar un satélite artificial ao espazo. As dúas grandes potencias consolidadas despois da 2ª Guerra Mundial, os EE UU e a URSS, foron as que traballaron para facela realidade. No contexto da chamada “guerra fría”, quen se adiantou foi a URSS, que en outubro de 1957 anunciou o lanzamento do primeiro satélite artificial da historia: o Spútnik 1 (Spútnik, en ruso, quere dicir “compañeiro de viaxe”).

(O lanzamento do foguete que levaba o Sputnik-1)

(Vídeo informativo sobre o Sputnik. Web Aula24Ciencias)

O Sputnik 1, tal como se conta na novela, emitía un son peculiar, que podemos escoitar nestoutro vídeo:

O primeiro ser vivo no espazo

Un mes despois, a URSS poñía en órbita o Spútnik 2. A novidade é que este segundo satélite levaba dentro un pasaxeiro moi peculiar: a cadela Laika. Con isto pretendíase comprobar se un ser vivo podía sobrevivir en condicións de ingravidez. Laika morreu ás poucas horas de voo, non puido regresar con vida á Terra. A súa imaxe fíxose moi popular e mesmo serviu de tema para cancións coma esta.

E poucos meses despois, en xaneiro de 1958, os EE UU lanzaba o seu primeiro satélite artificial: o Explorer 1. O Spútnik sinalou o comezo da carreira espacial, que se desenvolvería con intensidade durante a década dos sesenta e que culminaría coa chegada á Lúa dos astronautas estadounidenses Armstrong e Aldrin.

Na actualidade, os satélites artificiais xa forman parte da nosa vida cotiá: o mundo das telecomunicacións depende en grande medida deles.

(Neste último vídeo, podemos ver un documental de 1957 sobre o lanzamento do Spútnik 1)