(A imaxe principal é un fotograma do filme Firs Orbit,
do que se falará noutra entrada do blog)
Este blog xorde coa publicación da novela A viaxe de Gagarin (Edicións Xerais, 2014). Non pretendo que nel aparezan nin comentarios nin explicacións sobre o libro. A novela é un texto autónomo, sería inadecuado que eu tentase explicar aquí as ideas e obsesións que me levaron a escribila: está publicada e ten que se defender soa. O contrario, dalgún xeito, sería ofender a intelixencia das persoas que se acheguen a ela, pois a lectura é un proceso activo e persoal que non precisa de inxerencias do autor.
É doado explicalo. Para escribir este libro precisei documentarme antes sobre diferentes temas, que se foron ampliando a medida que avanzaba na redacción. Foi un proceso interesantísimo, onde descubrín verdadeiras alfaias: libros, páxinas web, películas, cancións…
A documentación que manexei pareceume tan rica e interesante que me pareceu oportuno compartila coas persoas que o desexen, en vez de deixala, coma outras veces, arquivada nunha carpeta do ordenador. Creo que lles interesará a quen lean o libro: saberán máis dos cambios que trouxo a década dos sesenta, especialmente na España da ditadura, a etapa en que suceden os feitos narrados n’A viaxe de Gagarin. E tamén lles ha interesar ás persoas que non lean o libro, pois son informacións con interese de seu.
Todo o que eu escriba aquí serán sempre textos mínimos, que sirvan para presentar ou contextualizar os documentos, textuais e audiovisuais, que se vaian incluíndo nas seguintes entradas.
Xa que logo, o blog paréceme a vía idónea para compartir a información. Un blog que ten data de caducidade: nun cálculo aproximado, sáenme entre vinte e vinte e cinco entradas de interese. Esas serán as que desenvolva; cando as acabe, poñereille o ramo a esta iniciativa. A un ritmo de dúas por semana, en menos de tres meses estará rematado.
Como un blog é un organismo vivo, onde os lectores poden intervir, non exclúo que a información se poida ampliar con outros documentos que as persoas acheguen. Oxalá ocorra iso, habémolo saber co tempo.