A
VIAXE
DE
GAGARIN
Blog da novela
Agustín Fernández Paz

19. A primavera de Praga


(Unha das imaxes da ocupación de Praga, tomada do blog “Cuadernos de resistencia”)

No capítulo 14 da novela, os pais do protagonista e a parella coa que se reúnen con frecuencia, discuten sobre o acontecido en Checoslovaquia:

(…) Tamén para discutir, pois algunhas veces había serios desacordos entre eles. Lembro unha das cuestións que non deixou de aparecer durante varios meses: as mudanzas que se estaban a experimentar en Checoslovaquia desde a chegada ao poder de Alexander Dubcek, e o malestar da URSS ante eses cambios. En agosto produciuse a ocupación de Praga e outras cidades do país polos tanques e as tropas do Pacto de Varsovia, e iso provocou as conversas máis apaixonadas das que gardo lembranza.

A Primavera de Praga
Primavera de Praga 1
Tras o reparto das áreas de influencia entre as potencias vencedoras da 2ª Guerra Mundial, os países do Este de Europa quedaron baixo o control da URSS, que impuxo neles a súa ideoloxía. O esmagamento de Hungría en 1956 deixou clara este dependencia.

Cando Kruschev subiu ao poder na URSS e denunciou as desfeitas do stalinismo, as cousas pareceron cambiar. Esta política de Kruschev continuou con Breznev, o novo secretario xeral do Partido Comunista.

Checoslovaquia era o estado onde a sociedade demandaba unhas maiores liberdades. O 5 de xaneiro de 1968, Alexander Dubcek ocupou a xefatura do Partido e do goberno. Decontado impulsou un proceso de reformas, na procura do que se denominou “o socialismo con rostro humano“. Estas reformas foron moi ben aceptadas pola poboación, sobre todo entre a mocidade.

Dubcek e o seu goberno non cuestionaban a pertenza ao Pacto de Varsovia nin tampouco a ideoloxía socialista. Só querían levar á práctica unha vía propia para unha nova sociedade socialista.

O esmagamento do “socialismo con rostro humano”

Primavera de Praga 2Mais estes cambios en Checoslovaquia suscitaron as protestas dos gobernos da República Democrática Alemá e de Polonia, así como o malestar da URSS. E así, o 20 de agosto de 1968 medio millón de soldados e 7000 tanques invadiron o país, ocuparon a capital e as principais cidades e detiveron aos gobernantes. Houbo moitas protestas entre a poboación, máis de nada serviron. A “Primavera de Praga” quedou definitivamente esmagada.

Isto motivou grandes discusións nos partidos comunistas de Europa Occidental, sobre todo no francés, no español e no italiano, que decidiron seguir unha vía propia, sen dependencia da URSS. Nacía o que se chamou o “eurocomunismo”.

Velaquí un documental máis extenso, elaborado pola Televisión Francesa:

 







18. As sementes da liberdade: 1968


A dimensión histórica do ano 1968

En varias pasaxes da novela, faise referencia a algúns acontecementos que tiveron lugar no ano 1968, “o ano en que se rebelou a mocidade de todo o mundo“.  Nun ensaio de moito interese, o historiador Ricardo Ribera, un español afincado en El Salvador,  escribe o seguinte:

Se existe un ano no século XX que poida significar a síntese do que foi a centuria este é o 1968. Unha serie de feitos que acontecen ese ano resultan de gran importancia. Uns aparecen como resultado de certa acumulación histórica, outros son significativos polas consecuencias que provocarán, outros máis son expresión e síntoma das fondas contradicións que atravesan o século.

Despois, seguindo o que Eric Hobsbawm fixo ao analizar os séculos XIX e XX, amplía un pouco os límites do 1968, collendo algúns acontecementos de finais de 1967 e outros do comezo de 1969.
O listado de eventos mundiais aos que pasa revista ilustra con claridade a importancia dese decisivo 1968 :
maio 68 paris2— A morte do Ché Guevara
— O maio francés
— A primavera de Praga (e o seu esmagamento)
— Auxe e fracaso da “revolución cultural” chinesa
— A guerra do Vietnam (e, dentro dela, a ofensiva do Tet)
— As protestas pola guerra do Vietnam, o movemento hippie e o festival de Woodstock.
— A matanza da Praza de Tlatelolco, en México DF, dez días antes da inauguración dos Xogos Olímpicos.
— A conferencia episcopal de Medellín e a teoloxía da liberación.
— A chegada á Lúa
— O nacemento das redes de ordenadores, o inicio do que hoxe é Internet.

A estes feitos habería que engadir outros, como:
— O asasinato de Martin Luther King
— O asasinato de Robert F. Kennedy, candidato demócrata á presidencia dos EE.UU.
— E, xaora, o pasamento de Iuri Gagarin.

Todos os feitos citados tiveron relevancia tamén en España, aínda que moi temperada polo feito de vivirmos nunha ditadura e pola presenza da censura. Pola súa importancia dentro da novela, algúns destes acontecementos merecerán unha entrada de seu (a primavera de Praga, a chegada á Lúa). Velaquí unha achega documental a varios dos citados:

A morte do Ché Guevara

Martin Luther King: a súa figura e o seu asasinato

A matanza da Plaza de Tlatelolco, en México DF

Quen desexe coñecer con meirande fondura os feitos de 1968, incluídos o cinema, a música ou a literatura, poder consultar este magnífico ensaio e este documental da TVE-2, da serie “La noche temática”:

O ano 1968 en Galicia e en España.

Inmunda escoriaCando se fala do maio do 68 en Francia, é interesante engadir que na universidade galega (daquela a de Santiago, a única existente) tamén houbo importantes revoltas estudiantís, que comezaron meses antes que as francesas. Os sucesos daquel ano están moi ben recollidos no libro Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudiantís en Compostela, da autoría de Ricardo Gurriarán.

Tamén houbo protestas nas universidades españolas. E o movemento obreiro, coordinado polas Comisións Obreiras, continuou con folgas na procura de mellores condicións laborais. A visión que desde o Réxime se ofrecía era ben distinta, como podemos ver neste documental da serie “Los años del NO-DO”:

 

 







17. A revista “Triunfo”


(Na foto, algunhas das portadas de “Triunfo”, entre elas a do número posterior ao golpe de estado de Pinochet: sobre fondo negro, unha única palabra: CHILE)

No capítulo 13 do libro, que transcorre no ano 1968, podemos ler estas reflexións de Miguel:

Cadrou, ademais, que os últimos meses de clase coincidiron coas revoltas de maio en París, sobre as que lía entusiasmado as crónicas que se publicaban en Triunfo, unha revista que descubrira algúns meses atrás e que, semana a semana, devoraba coa ansia dun converso. Triunfo foi a canle que me levou a ver o mundo como unha casa común onde nada do que sucedía me era alleo; nas súas páxinas aprendín a encaixar os feitos que só eran inconexos na aparencia e a intuír as grandes forzas que dominaban a sociedade. Un mundo novo parecía querer agromar ao meu redor.

Portada Triunfo (4B)Algo semellante lles sucedeu a outros mozos da xeración de Miguel, especialmente se tiñan intereses políticos ou culturais. A revista Triunfo foi un dos referentes imprescindibles durante os anos sesenta e boa parte da década dos setenta. Había outras (Cuadernos para el diálogo, El Ciervo…), mais non tiñan o atractivo de Triunfo: un prezo reducido, unhas portadas magníficas e a garantía de que nas súas páxinas se encontrarían reportaxes e artigos (política, cine, literatura, teatro…) impensables noutras publicacións.

As persoas que escribían en Triunfo facíano con rigor e claridade, Salientaban Eduardo Haro Tecglen e Manuel Vázquez Montalbán, así como o humor de Chumi Chúmez, Luis Carandell e as viñetas feministas de Nuria Pompeia.

Nun artigo de moito interese na web Rebelion.org, explícanse con claridade os obxectivos de Triunfo:

… la revista que en los años 60 y 70, dos décadas cruciales, encarnó las ideas y la cultura de la Portada Triunfo (1B)izquierda de nuestro país y fue símbolo de la resistencia intelectual al franquismo. Dos ideas fundamentales guiaron a la revista a partir de su nueva situación profesional: dirigirse a las mayorías y transitar por senderos culturales para que sus páginas pudieran acoger las grandes corrientes del pensamiento europeo.Triunfo emprendió entonces un camino sin retorno con el firme propósito de atravesar aquella turbia época realizando un periodismo insobornable que restableciera la memoria histórica, arrancada a los españoles por la violenta agresión de los vencedores.

Ao longo dos anos, Triunfo foi secuestrada e multada en diversas ocasións polos gobernos de Franco, como ben se nos lembra nesta páxina. A revista pechou en 1982. Como lemos en Rebelion.org, “la publicación que más había luchado y padecido en España por la libertad y la democracia, desaparecía a manos de la ley del mercado tres meses antes de que la izquierda de entonces llegara con mayoría absoluta al poder.”

Desde o ano 2006, temos a fortuna de contar na Rede coa edición dixitalizada de Triunfo. Unha alfaia para quen desexe regresar ás décadas dos 60 e 70 en España.