A
VIAXE
DE
GAGARIN
Blog da novela
Agustín Fernández Paz

16. A evacuación dos nenos e nenas vascos


(A vila de Gernika despois do bombardeo da aviación alemana en 1937)

No capítulo 11 da novela, o pai do protagonista cóntalle como foi a súa marcha de Bilbao, dentro dunha evacuación organizada polo goberno vasco:

Barco HabanaO último día de marzo, os avións da Lexión Cóndor que Hitler enviara para axudar a Franco bombardearon Durango, e menos dun mes despois, a vila de Gernika. Semanas máis tarde, Bilbao comezou a sufrir tamén os primeiros bombardeos. Foi entón cando o goberno vasco organizou a evacuación dos nenos e nenas que quixesen marchar. Os meus pais falaron con Tina e comigo e explicáronnos o perigo que corriamos e a conveniencia de marcharmos mentres a guerra non rematase.
Embarcamos o 6 de marzo, no porto de Santurce. A maioría fíxoo nun transatlántico, o Habana, mais a nós tocounos nun barco máis pequeno, o Goizeko Izarra, que quere dicir «Estrela da Mañá». Eu era a primeira vez que viaxaba nun barco e pasei moito medo, sobre todo porque había un buque de guerra dos de Franco, o Almirante Cervera, que nos quería impedir a marcha e ameazaba con nos afundir se non regresabamos ao porto. Menos mal que preto de nós había outros barcos ingleses que nos protexían! E así foi como deixamos Bilbao e chegamos ao porto de La Rochelle. Alí estivemos durante dous anos, nunha colonia que funcionaba coma un internado. (…)

 A evacuación dos nenos e nenas de Euskadi é un episodio da Guerra Civil que se coñece ben menos ca outras evacuacións, coma a dos nenos desprazados a Rusia, sobre os que hai unha abundante bibliografía (tamén de ficción: en galego temos Tristes armas, a novela de Marina Mayoral). A última novela do escritor Kirmen Uribe, Mussche (Lo que mueve el mundo) achéganos a historia dos nenos acollidos en Bélxica.

Colonia en FranciaEste episodio dos nenos e nenas de Euskadi está moi ben sintetizado nunha das páxinas que consultei na Rede:

Durante a Guerra Civil, milleiros de familias vascas tiveron que tomar unha decisión moi dura, a de enviar as súas fillas e fillos a outros países co obxectivo de afastalos dos desastres dunha guerra que se presentaba como especialmente cruel coa poboación civil.
As tropas fascistas no seu avance polo País Vasco estaban demostrando unha crueldade ata entón descoñecida coa poboación civil. Os bombardeos de Durango e Gernika, indicaban que para as tropas de Franco, desde o punto de vista da consecución da vitoria militar, a poboación civil era un obxectivo tan prioritario como as tropas que defendían a legalidade republicana contra os insurrectos.
O porto de Bilbao foi testemuña muda da marcha de miles de nenos vascos que se dirixiron a países que, naqueles momentos, estaban lonxe da guerra: Francia, Gran Bretaña, Bélxica… Os nenos e as nenas vascos foron a avanzada do que despois sería o exilio de milleiros e milleiros de vascos.

 A EITB, a canle pública vasca de televisión, elaborou unha serie de reportaxes sobre a Guerra Civil en Euskadi. O capítulo 4, “Camino del destierro”, está dedicado á odisea dos nenos e nenas que tiveron que marchar. De alto interese, na miña opinión, paga a pena dedicarlle o tempo necesario para velo completo:

Existen na Rede algúns ensaios de gran interese, moi útiles para quen desexe afondar neste tema. Tamén desde unha perspectiva gráfica, como este catálogo dunha exposición sobre “Los niños de la guerra”. A min chamoume moito a atención a tese de licenciatura de Margot van Ouwerkerk, da universidade de Amsterdam: “Cartas de los niños refugiados en Bélgica y Francia durante la Guerra Civil española“.

Como remate, velaquí un breve vídeo onde un home, Vicente Cañada, que foi un daqueles nenos evacuados lembra o que lles sucedeu:







15. The Mamas & The Papas


(Na foto, de esquerda a dereita, Denny Doherty, Cass Elliot, Michelle Phillips e John Phillips,
o líder do grupo e compositor de moitas das cancións)

No inicio do capítulo 20 da novela, podemos ler isto:

… tamén a min me encantou o agasallo que Francesca me fixo: un single dun grupo que daquela estaba de actualidade, The Mamas & The Papas, con dúas cancións que aínda hoxe escoito de cando en vez: «Monday, Monday» e «California dreamin’». Un anaquiño das utopías da mocidade norteamericana chegábanos a España a través daquela música.

 O grupo The Mamas & The Papas foi moi popular na segunda metade dos sesenta, tamén en España. Estaban encadrados no que se deu en chamar o folk-rock, a carón doutros grupos e cantantes que tiñan como centro a cidade de Los Ángeles (The Byrds, Scott McKenzie, The Young Rascals…), onde xa estaban consolidados outros grupos importantes como The Beach Boys. A The Mamas & The Papas asocióuselles co movemento hippie, que naceu por aqueles anos.

Foi un grupo que non durou moito. Gravaron o primeiro disco en 1965 e o derradeiro, en 1968. Logo cada un seguiu a súa carreira en solitario. Mais deixáronnos cancións memorables, como as dúas que se citan na novela e outras como este fermosísimo “Dedicated to the one I love“, onde brilla especialmente a súa mestría nas harmonías vocais.

Velaquí a canción “Monday, Monday”, nunha actuación en directo de The Mamas & The Papas:

Esta é outra versión da mesma canción, gravada en directo no Festival de Monterey (California), en xuño de 1967. Ten a peculiaridade de que, ao primeiro, os membros do grupo vanse presentando ao público.

Neste derradeiro vídeo, The Mamas & The Papas cantan “California Dreamin'”, tamén en directo, en Los Angeles, California (decembro de 1965). A revista Rolling Stones cualificouna como unha das mellores 500 cancións da historia.







14. O Tribunal de Orden Público (TOP)


(A fotografía recolle unha carga policial en Sevilla, no ano 1968)

Na novela hai diversas referencias ao TOP, o Tribunal de Orden Público, que tivo unha intensa actividade entre 1963, o ano da súa creación, e 1977, a data en que se clausurou. Velaquí unha delas:

Do Tribunal de Orden Público, ao que mesmo os xornais lle chamaban o TOP, si que sabía máis cousas, non había día en que non aparecese algunha noticia nos periódicos: xuízos a sindicalistas, xuízos a membros de partidos clandestinos, xuízos a manifestantes, xuízos por elaborar ou difundir propaganda ilegal… Ese parecía ser o seu ámbito de actuación.

Para quen desexe unha información rápida sobre este tribunal, un organismo arredor do que existe hoxe un descoñecemento propio do “pacto de silencio contra a recuperación da memoria histórica”, en palabras de Juan José del Águila,  contamos cunha brevísima reportaxe (menos de dous minutos), en “TVE a la carta”, idónea para coñecer o esencial do TOP.

EL TOP Juan José del Águila2Juan José del Águila é a persoa que estudou con profundidade o TOP. É autor dun libro imprescindible, El TOP. La represión de la libertad (1936-1977), editado por Planeta en 2001. Un libro hoxe “desaparecido”, pois a editorial descatalogou a edición ao pouco tempo, como denuncia o propio autor. A este volume, certamente incómodo para un sector do poder actual, pertence este breve fragmento:

Se na actualidade se realizase unha enquisa en directo, a través de calquera medio de comunicación, para lles preguntar aos cidadáns con que asocian o termo TOP e cal é o coñecemento que teñen del, as respostas serían, pasado o primeiro momento de sorpresa, ben de descoñecemento ou ben asociarían dita palabras a múltiples significados e contidos que en ningún caso terían relación coas siglas de dito Tribunal.
Isto non resultaría sorprendente, e sería unha consecuencia do que, na recente etapa de transición, se veu denominando «pacto de silencio contra a recuperación da memoria histórica». (…)
As xurisdicións especiais, e a de Orden Público foino, tiveron durante o franquismo o papel e a función de seren instrumentos xurídicos institucionais, creados desde e polo poder político, para que, con técnicas coercitivas, procesais e penais, xunto a outros mecanismos, servisen para impoñer aos seus adversarios políticos e sociais mediante a violencia institucionalizada a través da represión.

Velaquí un breve vídeo da Axencia EFE, de evidente interese:

A miña experiencia durante o proceso de documentación coincide coa opinión de Juan José del Águila. Todo o referido ao TOP parece perdido nunha nebulosa, cando foi tan decisivo nuns anos cruciais. Herdou as funcións que ata 1962 tiñan os Tribunais Militares e a Lei especial contra a Masonería e o Comunismo, que se trasladaron a unha institución civil, como formalmente era o TOP, nun intento de asemellarse ás democracias europeas. En 1977, un Real Decreto-Lei  declarouno extinguido. Ese mesmo día, outro Decreto-Lei creaba a Audiencia Nacional.

Las sentencias del Tribunal de Orden Público from CCOO Madrid on Vimeo.

Agardo que os enlaces desta entrada sirvan para que as persoas interesadas no papel que xugou o sistema xudicial durante o franquismo consigan saber máis. Como remate, velaquí un vídeo que trata o tema dos cárceres en España desde 1931 a 1978: