A
VIAXE
DE
GAGARIN
Blog da novela
Agustín Fernández Paz

13. As películas da novela (2)


(A imaxe é un fotograma do filme Psicose (1960), de Alfred Hitchcock)

Ao comezo do capítulo 10, Félix, un dos amigos do grupo do instituto, cóntalles aos outros o argumento do filme Psicose. Iso motiva que o protagonista rememore o cine que vían naquel tempo:

Nós debiamos agardar a que botasen as películas nalgún dos cines de reestrea que nos quedaban máis próximos, coma o Doré ou o Finisterre; ademais de seren máis baratos, era onde nos deixaban pasar sen problemas ás marcadas con 3 ou 3R, pois só pedían o carné cando se trataba dunha película cualificada cun 4, como ocorrera con Gilda, Arroz amargo ou Que o ceo a xulgue, que non puiden ver ata que fun maior.
Debo recoñecer, ademais, que Félix tiña unha habilidade especial para contar; daba gusto escoitalo, aínda que fose unha película xa vista. Ademais de Psicose, non esquecín nunca algunhas das que nos narrou naquel curso, como A momia, Os crimes do museo de cera ou Centauros do deserto. Por non falar, xaora, de 007 contra o Doctor No e do bikini branco que levaba Ursula Andrews cando se encontraba na praia con James Bond, unha escena da que Félix conseguiu facerse co cadro; unha fotografía a toda cor que analizamos e comentamos ata o detalle máis pequeno durante días e días.

Gilda ou Arroz amargo foron películas que motivaron un gran escándalo social, sobre todo a primeira (e iso que pasaron a censura!, que moitas outras nin se estreaban). Parece evidente, como se pode ver nos seguintes vídeos, que Rita Hayworth ou Silvana Mangano non seguían as pautas que a moral social ditaba para as mulleres:

Gilda (1946)
Arroz amargo (1949)

En canto aos outros filmes, todos foron títulos moi populares, máis alá da súa maior ou menor calidade cinematográfica. Sobre Psicose xa falei amplamente noutro lugarA momia e Os crimes do museo do cera eran películas de terror, un xénero sempre tan agradecido na adolescencia, que aínda hoxe se ven con gusto, malia non teren os efectos especiais que outras versións posteriores popularizaron.

Tráiler de A momia

Unha secuencia de Os crimes do museo de cera:

007 contra o Doctor No foi o filme que iniciou a saga de James Bond. Unha película moi comercial, con Sean Connery facendo de Bond por vez primeira. E con Úrsula Andrews como “Bond girl”. A secuencia que a presenta, saíndo do mar con dúas buguinas nas mans, causou sensación entre os que daquela eramos adolescentes.

 En canto a Centauros do deserto (The Searchers, 1956) de John Ford é unha das películas que non canso de ver. Tempo haberá para falar dela noutro lugar. Aquí chega con lembrar as magníficas secuencias inicial e final:







12. A condena e execución de Julián Grimau


(…) –E quen era ese Julián Grimau? –interrompino. Soábame o nome, seguramente de telo oído nalgunha conversa na casa, mais non lle prestara atención.

–Era un dirixente do Partido Comunista. Collérono preso hai algúns meses. Xulgouno un tribunal militar, sen garantía ningunha, e condenárono a morte. Unha parodia de xuízo, xa estaba sentenciado de antemán. Houbo protestas por toda Europa, ata o papa e os presidentes de varios gobernos pediron clemencia, mais non fixeron caso a ninguén. Fusilárono hai dúas semanas. Un asasinato, aínda que para o Goberno fose legal, un caso máis de aplicación da pena de morte. (…)

No capítulo 9 da novela faise unha breve referencia á execución de Julián Grimau, “o máis premeditado dos asasinatos”, en palabras de Albert Camus. A súa detención e a súa morte tiveron unha ampla repercusión internacional.

Os feitos están ben resumidos neste fragmento dun dos libros máis importantes que manexei:

«Julián Grimau foi fusilado na madrugada do 20 de abril de 1963, en cumprimento da condena á pena de morte ditada por un consello de guerra no xuízo sumarísimo seguido contra este dirixente do Partido Comunista de España, detido pola policía franquista entre os días 7 e 8 de novembro de 1962. (…) O asañamento que supuxo a execución de Grimau representou, precisamente, a ocasión agardada pacientemente polo réxime para comezar a axustar contas coa crecente oposición política. A cada vez máis intensa actividade axitadora salpicara aquel turbulento 1962 con distintos conflitos sociais, ameazando a tranquilidade do réxime e obrigándoo a adoptar unha actitude máis radical e represiva, xa que, por primeira vez desde a posguerra, o sistema sentíase acosado.»

(Juan José del Águila: El TOP. La represión de la libertad (1963-1977)

 

Na Rede, é moi ampla a información sobre Grimau e sobre o que supuxo a súa morte. Xa que logo, chega con que poña aquí a que me parece máis axeitada. Coma tal, este interesante programa de RNE  emitido polo cincuenta cabodano da súa morte:


A repercusión internacional da detención, xuízo e execución foi moi grande. Como mostra, velaquí a canción de compuxo Violeta Parra na honra de Grimau, ¿Qué dirá el Santo Padre?:

 







11. A Brigada Político-Social


(A imaxe corresponde a un fotograma da película A vida dos outros, de Florian Henckel)

En diversos capítulos da novela, a familia do protagonista sofre o acoso da Brigada Político Social, a policía política do franquismo (o equivalente á Stasi da RDA, tan ben retratada na película A vida dos outros). Como se indica na entrada que lle dedica a Wikipedia, cunha información fiable e rigorosa:

La Brigada Político-Social (BPS), cuyo nombre oficial era Brigada de Investigación Social (BSI), fue la policía secreta que existió durante la dictadura franquista, encargada de perseguir y reprimir a todos los movimientos de la oposición al franquismo. Orgánicamente constituía una sección del Cuerpo Ganeral de Policía (CGP). Durante la transición fue reestructurada y sustituida por la Brigada Central de Información. Entre la oposición antifranquista fue conocida comúnmente como La SocialLa Secreta o La Brigada.


Policia_franquista_1Aínda que foi creada en 1941 e instruída nos primeiros anos por Paul Winzer, membro das SS e da Gestapo, a partir de 1945 fóronse configurando as funcións que tería en anos posteriores, que se concretaron definitivamente nunha lei de xuño de 1959. Estas funcións eran moitas; entre outras:
* Perseguir os actos que atenten contra a unidade espiritual, nacional, política e social de España, calquera que sexa o seu grao de exteriorización.
* Os paros colectivos e os peches ou suspensións ilegais de empresas…
* As manifestacións e as reunións públicas ilegais…
Detención de calquera persoa se se considera necesario para a preservación da orde.
* Inspeccións e rexistros domiciliarios en calquera momento que se considere necesario.
(…)

(Aqui pódese escoitar un  interesante podcast sobre a Brigada Político Social)

gestapo1Foron moitas as persoas que sufriron vexacións e torturas por parte da Brigada Político Social, sobre todo do mundo obreiro e da militancia política.  Impresiona ler os testemuños sobre estes feitos, que pouco a pouco van saínda á luz.

Todo isto pode parecer cousa dun pasado remoto, mais a realidade encárgase de nos lembrar a vixencia de moitos feitos: velaí a petición de extradición do comisario da BPS coñecido como Billy el Niño (denegada hai só uns días pola Audiencia Nacional)

No ano 2013, estreouse o documental Brigada Político Social, la gestapo española, dirixido por Javier Caballero e baseado na documentación que posúe Antoni Batista, posiblemente o investigador que máis sabe sobre a BPS. Deste documental, pódese ver o impresionante trailer nesta páxina.

Existe outro magnífico documental sobre o que significou a existencia da BPS no ámbito cultural, Brigada Político Social. La cultura vigilada. Velaquí o tráiler (o documental íntegro, imprescindible para coñecer o alcance da represión nos ámbitos culturais, pódese ver neste enlace, na web de Canal Sur):

Na Rede hai informacións interesantes sobre a Brigada Político Social, se ben aínda queda moito por investigar. Esta  imprescindible conversa con Antoni Batista, o meirande coñecedor da BPS, é de gran interese.