Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
Na trama de A viaxe de Gagarin teñen unha certa relevancia as chamadas novelas de quiosco ou novelas populares. Xa desde os anos corenta, pero máis nos cincuenta e nos sesenta, tiveron unha gran difusión e foron a lectura principal dunha boa parte da poboación que non tiña acceso a outros libros máis literarios. Eran baratas (tamén se lles chamou “novelas de a peso“, por ser ese o seu valor) e, unha vez lidas, podían ser cambiadas por outras, xeralmente no mesmo quiosco. Desprezadas durante moitos anos, xa hai tempo que son obxecto de estudo pola importancia sociolóxica que tiveron.
Aínda que había unha grande variedade, distinguíanse catro xéneros principais:
as de historias románticas, as do Oeste ou “de vaqueiros”, as policiacas e as de ciencia-ficción.
Se ben algúns autores asinaban co seu nome verdadeiro (como Marcial Lafuente Estefanía, figura principal nas do Oeste; ou José Mallorquí, autor da serie El Coyote; ou Corin Tellado (raíña indiscutible nas do xénero romántico), a maioría facíano cun nome ficticio, que as editoriais xulgaban máis comercial.
Deste xeito, na actualidade sabemos que Silver Kane era Francisco González Ledesma, hoxe recoñecido autor de novela negra; Keith Luger era Miguel Oliveros Tovar; Clark Carrados, o pseudónimo de Luis García Lecha; Curtis Garland, o de Juan Gallardo Muñoz, etc
Sobre Silver Kane, velaquí unha brevísima reportaxe en “TVE a la carta” e tamén un vídeo sobre os seus libros:
Unha boa parte destes autores chegaron á escrita destas narracións como unha saída á súa situación persoal, pois foron represaliados tras a guerra civil e a escritura representaba unha oportunidade de ter un traballo remunerado. Todos eles estaban sometidos a un ritmo de produción durísimo, coa obriga de presentar un manuscrito semanal ou, no mellor dos casos, quincenalmente.
A editorial líder neste tipo de publicacións foi sempre Bruguera, aínda que había outras como Toray, Cliper ou Molino. En todos os casos, o mesmo que pasaba cos tebeos, estaban sometidas ao control da censura.
Marcial Lafuente Estefanía ten un papel na historia da edición galega, pois foi en Vigo onde comezou a súa carreira. Xunto con Eduardo Barrientos, fundou a Editorial Cíes en 1941, e nela publicou as súas primeiras novelas.
Se alguén desexa ampliar información sobre as novelas de quiosco, aquí ofrécese unha ampla relación de enlaces.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.