Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(…) –E quen era ese Julián Grimau? –interrompino. Soábame o nome, seguramente de telo oído nalgunha conversa na casa, mais non lle prestara atención.
–Era un dirixente do Partido Comunista. Collérono preso hai algúns meses. Xulgouno un tribunal militar, sen garantía ningunha, e condenárono a morte. Unha parodia de xuízo, xa estaba sentenciado de antemán. Houbo protestas por toda Europa, ata o papa e os presidentes de varios gobernos pediron clemencia, mais non fixeron caso a ninguén. Fusilárono hai dúas semanas. Un asasinato, aínda que para o Goberno fose legal, un caso máis de aplicación da pena de morte. (…)
No capítulo 9 da novela faise unha breve referencia á execución de Julián Grimau, “o máis premeditado dos asasinatos”, en palabras de Albert Camus. A súa detención e a súa morte tiveron unha ampla repercusión internacional.
Os feitos están ben resumidos neste fragmento dun dos libros máis importantes que manexei:
«Julián Grimau foi fusilado na madrugada do 20 de abril de 1963, en cumprimento da condena á pena de morte ditada por un consello de guerra no xuízo sumarísimo seguido contra este dirixente do Partido Comunista de España, detido pola policía franquista entre os días 7 e 8 de novembro de 1962. (…) O asañamento que supuxo a execución de Grimau representou, precisamente, a ocasión agardada pacientemente polo réxime para comezar a axustar contas coa crecente oposición política. A cada vez máis intensa actividade axitadora salpicara aquel turbulento 1962 con distintos conflitos sociais, ameazando a tranquilidade do réxime e obrigándoo a adoptar unha actitude máis radical e represiva, xa que, por primeira vez desde a posguerra, o sistema sentíase acosado.»
(Juan José del Águila: El TOP. La represión de la libertad (1963-1977)
Na Rede, é moi ampla a información sobre Grimau e sobre o que supuxo a súa morte. Xa que logo, chega con que poña aquí a que me parece máis axeitada. Coma tal, este interesante programa de RNE emitido polo cincuenta cabodano da súa morte:
A repercusión internacional da detención, xuízo e execución foi moi grande. Como mostra, velaquí a canción de compuxo Violeta Parra na honra de Grimau, ¿Qué dirá el Santo Padre?:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.