Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(A imaxe é un fotograma do filme Psicose (1960), de Alfred Hitchcock)
Ao comezo do capítulo 10, Félix, un dos amigos do grupo do instituto, cóntalles aos outros o argumento do filme Psicose. Iso motiva que o protagonista rememore o cine que vían naquel tempo:
Nós debiamos agardar a que botasen as películas nalgún dos cines de reestrea que nos quedaban máis próximos, coma o Doré ou o Finisterre; ademais de seren máis baratos, era onde nos deixaban pasar sen problemas ás marcadas con 3 ou 3R, pois só pedían o carné cando se trataba dunha película cualificada cun 4, como ocorrera con Gilda, Arroz amargo ou Que o ceo a xulgue, que non puiden ver ata que fun maior.
Debo recoñecer, ademais, que Félix tiña unha habilidade especial para contar; daba gusto escoitalo, aínda que fose unha película xa vista. Ademais de Psicose, non esquecín nunca algunhas das que nos narrou naquel curso, como A momia, Os crimes do museo de cera ou Centauros do deserto. Por non falar, xaora, de 007 contra o Doctor No e do bikini branco que levaba Ursula Andrews cando se encontraba na praia con James Bond, unha escena da que Félix conseguiu facerse co cadro; unha fotografía a toda cor que analizamos e comentamos ata o detalle máis pequeno durante días e días.
Gilda ou Arroz amargo foron películas que motivaron un gran escándalo social, sobre todo a primeira (e iso que pasaron a censura!, que moitas outras nin se estreaban). Parece evidente, como se pode ver nos seguintes vídeos, que Rita Hayworth ou Silvana Mangano non seguían as pautas que a moral social ditaba para as mulleres:
Gilda (1946)
Arroz amargo (1949)
En canto aos outros filmes, todos foron títulos moi populares, máis alá da súa maior ou menor calidade cinematográfica. Sobre Psicose xa falei amplamente noutro lugar. A momia e Os crimes do museo do cera eran películas de terror, un xénero sempre tan agradecido na adolescencia, que aínda hoxe se ven con gusto, malia non teren os efectos especiais que outras versións posteriores popularizaron.
Tráiler de A momia
Unha secuencia de Os crimes do museo de cera:
007 contra o Doctor No foi o filme que iniciou a saga de James Bond. Unha película moi comercial, con Sean Connery facendo de Bond por vez primeira. E con Úrsula Andrews como “Bond girl”. A secuencia que a presenta, saíndo do mar con dúas buguinas nas mans, causou sensación entre os que daquela eramos adolescentes.
En canto a Centauros do deserto (The Searchers, 1956) de John Ford é unha das películas que non canso de ver. Tempo haberá para falar dela noutro lugar. Aquí chega con lembrar as magníficas secuencias inicial e final:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.