Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(A fotografía recolle unha carga policial en Sevilla, no ano 1968)
Na novela hai diversas referencias ao TOP, o Tribunal de Orden Público, que tivo unha intensa actividade entre 1963, o ano da súa creación, e 1977, a data en que se clausurou. Velaquí unha delas:
Do Tribunal de Orden Público, ao que mesmo os xornais lle chamaban o TOP, si que sabía máis cousas, non había día en que non aparecese algunha noticia nos periódicos: xuízos a sindicalistas, xuízos a membros de partidos clandestinos, xuízos a manifestantes, xuízos por elaborar ou difundir propaganda ilegal… Ese parecía ser o seu ámbito de actuación.
Para quen desexe unha información rápida sobre este tribunal, un organismo arredor do que existe hoxe un descoñecemento propio do “pacto de silencio contra a recuperación da memoria histórica”, en palabras de Juan José del Águila, contamos cunha brevísima reportaxe (menos de dous minutos), en “TVE a la carta”, idónea para coñecer o esencial do TOP.
Juan José del Águila é a persoa que estudou con profundidade o TOP. É autor dun libro imprescindible, El TOP. La represión de la libertad (1936-1977), editado por Planeta en 2001. Un libro hoxe “desaparecido”, pois a editorial descatalogou a edición ao pouco tempo, como denuncia o propio autor. A este volume, certamente incómodo para un sector do poder actual, pertence este breve fragmento:
Se na actualidade se realizase unha enquisa en directo, a través de calquera medio de comunicación, para lles preguntar aos cidadáns con que asocian o termo TOP e cal é o coñecemento que teñen del, as respostas serían, pasado o primeiro momento de sorpresa, ben de descoñecemento ou ben asociarían dita palabras a múltiples significados e contidos que en ningún caso terían relación coas siglas de dito Tribunal.
Isto non resultaría sorprendente, e sería unha consecuencia do que, na recente etapa de transición, se veu denominando «pacto de silencio contra a recuperación da memoria histórica». (…)
As xurisdicións especiais, e a de Orden Público foino, tiveron durante o franquismo o papel e a función de seren instrumentos xurídicos institucionais, creados desde e polo poder político, para que, con técnicas coercitivas, procesais e penais, xunto a outros mecanismos, servisen para impoñer aos seus adversarios políticos e sociais mediante a violencia institucionalizada a través da represión.
Velaquí un breve vídeo da Axencia EFE, de evidente interese:
A miña experiencia durante o proceso de documentación coincide coa opinión de Juan José del Águila. Todo o referido ao TOP parece perdido nunha nebulosa, cando foi tan decisivo nuns anos cruciais. Herdou as funcións que ata 1962 tiñan os Tribunais Militares e a Lei especial contra a Masonería e o Comunismo, que se trasladaron a unha institución civil, como formalmente era o TOP, nun intento de asemellarse ás democracias europeas. En 1977, un Real Decreto-Lei declarouno extinguido. Ese mesmo día, outro Decreto-Lei creaba a Audiencia Nacional.
Las sentencias del Tribunal de Orden Público from CCOO Madrid on Vimeo.
Agardo que os enlaces desta entrada sirvan para que as persoas interesadas no papel que xugou o sistema xudicial durante o franquismo consigan saber máis. Como remate, velaquí un vídeo que trata o tema dos cárceres en España desde 1931 a 1978:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.