Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
En varias pasaxes da novela, faise referencia a algúns acontecementos que tiveron lugar no ano 1968, “o ano en que se rebelou a mocidade de todo o mundo“. Nun ensaio de moito interese, o historiador Ricardo Ribera, un español afincado en El Salvador, escribe o seguinte:
Se existe un ano no século XX que poida significar a síntese do que foi a centuria este é o 1968. Unha serie de feitos que acontecen ese ano resultan de gran importancia. Uns aparecen como resultado de certa acumulación histórica, outros son significativos polas consecuencias que provocarán, outros máis son expresión e síntoma das fondas contradicións que atravesan o século.
Despois, seguindo o que Eric Hobsbawm fixo ao analizar os séculos XIX e XX, amplía un pouco os límites do 1968, collendo algúns acontecementos de finais de 1967 e outros do comezo de 1969.
O listado de eventos mundiais aos que pasa revista ilustra con claridade a importancia dese decisivo 1968 :
— A morte do Ché Guevara
— O maio francés
— A primavera de Praga (e o seu esmagamento)
— Auxe e fracaso da “revolución cultural” chinesa
— A guerra do Vietnam (e, dentro dela, a ofensiva do Tet)
— As protestas pola guerra do Vietnam, o movemento hippie e o festival de Woodstock.
— A matanza da Praza de Tlatelolco, en México DF, dez días antes da inauguración dos Xogos Olímpicos.
— A conferencia episcopal de Medellín e a teoloxía da liberación.
— A chegada á Lúa
— O nacemento das redes de ordenadores, o inicio do que hoxe é Internet.
A estes feitos habería que engadir outros, como:
— O asasinato de Martin Luther King
— O asasinato de Robert F. Kennedy, candidato demócrata á presidencia dos EE.UU.
— E, xaora, o pasamento de Iuri Gagarin.
Todos os feitos citados tiveron relevancia tamén en España, aínda que moi temperada polo feito de vivirmos nunha ditadura e pola presenza da censura. Pola súa importancia dentro da novela, algúns destes acontecementos merecerán unha entrada de seu (a primavera de Praga, a chegada á Lúa). Velaquí unha achega documental a varios dos citados:
A morte do Ché Guevara
Martin Luther King: a súa figura e o seu asasinato
A matanza da Plaza de Tlatelolco, en México DF
Quen desexe coñecer con meirande fondura os feitos de 1968, incluídos o cinema, a música ou a literatura, poder consultar este magnífico ensaio e este documental da TVE-2, da serie “La noche temática”:
Cando se fala do maio do 68 en Francia, é interesante engadir que na universidade galega (daquela a de Santiago, a única existente) tamén houbo importantes revoltas estudiantís, que comezaron meses antes que as francesas. Os sucesos daquel ano están moi ben recollidos no libro Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudiantís en Compostela, da autoría de Ricardo Gurriarán.
Tamén houbo protestas nas universidades españolas. E o movemento obreiro, coordinado polas Comisións Obreiras, continuou con folgas na procura de mellores condicións laborais. A visión que desde o Réxime se ofrecía era ben distinta, como podemos ver neste documental da serie “Los años del NO-DO”:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.