Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
Naqueles meses, as paredes do meu cuarto comezaron a cubrirse tamén con outras fotografías. O lugar principal seguía ocupado polo taboleiro que acollía as da aventura espacial, onde as últimas que colocara eran todas de astronautas norteamericanos, que parecían collerlles a dianteira aos rusos. Mais tamén empecei a poñer outras no espazo que había por riba da miña mesa de traballo. Poucas, pero seleccionadas. Unhas fotos que, dalgún xeito, supuñan unha declaración de principios; un xeito de dicir «estas son as persoas que admiro, o que elas representan tamén me representa a min».
Este anaco do capítulo 13 d’A viaxe de Gagarin corresponde ao momento en que Miguel describe as fotografías que tiña pegadas no cuarto.
A primeira é a que encabeza esta entrada: nas Olimpíadas de México (1968), os atletas de EEUU John Carlos e Tommie Smith, vencedores nos douscentos metros libres, soben ao podio cunha luva negra e o puño en alto. Un acto reivindicativo, no contexto das loitas da poboación negra contra a segregación racial, que condicionou a súa carreira posterior.
Outra é a portada do Rubber Soul, un LP que The Beatles gravaron en 1965. Era o primeiro en que abandonaban as cancións lixeiras dos discos anteriores e se atrevían con composicións máis complexas, tamén nas letras: “Norwegian Wood”, “Nowhere man”, “Michelle”…
E unha terceira é unha foto do grupo The Byrds, representantes do que logo se chamou folk rock. Sobre este grupo publiquei un post hai algún tempo, con vídeos das súas cancións máis coñecidas.
Tamén estaba outra portada dun disco. Neste caso, a do segundo LP de Bob Dylan, The Freewheelin, publicado en maio de 1963. Nel figuran cancións moi coñecidas, como “Blowin’ in the Wind”, “Masters of War”, “A Hard Rain’s A-Gonna Fall”, “I Shall Be Free”…
Non faltaba a famosa foto que Alberto Korda lle fixo ao Che Guevara na Habana, unha imaxe que acabou por se converter nunha icona estereotipada:
E, finalmente, estaba tamén un coñecido fotograma da película Matar un reiseñor (Robert Mulligan, 1962), protagonizada por Gregory Peck no papel do avogado Atticus Finch, e narrada desde a óptica dunha personaxe inesquecible: Scout, a filla do avogado, de seis anos de idade.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.