Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(Na imaxe, un fotograma da película documental 30 años de oscuridad)
No capítulo 26 de A viaxe de Gagarin hai unha breve referencia a uns feitos que axudan a entender ben o medo persistente que xerou a ditadura de Franco, especialmente entre as persoas que se mantiveran fieis á República:
Por aquel tempo comezaron a aparecer numerosas noticias sobre os que a prensa non tardou en bautizar como «as toupas». O derradeiro día de marzo daquel 1969, o goberno publicou un decreto polo que se declaraban prescritos todos os delitos anteriores ao primeiro de abril de 1939. E iso provocou un feito que mamá e mais eu comentabamos con abraio. Coma resucitados, ou como fantasmas, en moitos lugares do país apareceron publicamente homes que permaneceran agochados durante aqueles trinta anos, sempre en refuxios moi precarios e contando coa complicidade dalgún familiar. En sotos, en faiados, nun furado escavado na terra, nun alpendre cos coellos (…)
Esta páxina tráxica caería no esquecemento de nos ser polo labor de dous xornalista: Jesús Torbado e Manu Leguineche. Durante varios anos buscaron esas «toupas» por España adiante e conseguiron entrevistar un número representativo delas. Recolleron a súa investigación nun libro, Los topos, que tivo amplísima repercusión e foi traducido a diversas linguas. Hai pouco, a editorial Capitán Swing reeditou o libro, que era inencontrable.
Sobre un destes topos, Manuel Cortés Quero, que fora alcalde de Mijas nos anos da República, fíxose unha película documental, 30 años de oscuridad, de altísimo interese, presentada coma se fose unha novela gráfica, mais interpretada por actores profesionais, como Juan Diego.
Velaquí o trailer e mais un vídeo co making of do filme:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.