Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
Na parte final da novela, faise referencia ás derradeiras condenas a morte do réxime de Franco, en setembro de 1975:
Alí vivín os terribles últimos días de setembro de 1975, cando toda Europa asistiu estremecida ás cinco condenas a morte que decidiu o réxime de Franco, obstinado en evidenciar a súa crueldade ata o final. Lembro como milleiros de persoas estivemos toda unha noite na Place de la Concorde, nunha vixilia de silencio e de candeas acesas. Unha protesta que, coma tantas outras, non foi atendida: na mañá do 27 de setembro, os cinco mozos foron fusilados.
Hoxe contamos con ampla información sobre todo o proceso que levou ás condenas a morte, cun xuízo cargado de irregularidades. Os executados foron dous militantes de ETA, Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui, e tres do FRAP, José Luis Sánchez Bravo, Ramón García Sanz e Humberto García Baena, que era de Vigo, onde reside a súa familia, que honra a súa memoria cada 27 de setembro.
As execucións suscitaron protestas, moito máis enérxicas e numerosas fóra de España (mesmo o Papa Pablo VI e outros gobernos europeos intercederon polos condenados), mais foron inútiles. Franco xustificou o sucedido no seu derradeiro discurso, entre o fervor da xente que o aclamaba na Praza de Oriente. Faltaban menos de dous meses para a morte do ditador.
Co paso dos anos foise sabendo máis daquelas semanas. Esta reportaxe de “Informe Semanal” de TVE fai un bo resumo dos feitos. Tamén é interesante ver este avance do documental Septiembre del 75 (2009), dirixido por Alberto Dufour.
Luis Eduardo Aute compuxo unha canción inesquecible, “Al alba”, para expresar a súa indignación ante as condenas. A letra, metafórica para evitar a censura, ten maior profundidade e permanencia que se fose explícita. Quen primeiro a gravou foi a cantante Rosa León, e máis tarde fíxoo o propio Aute:
A versión de Rosa León:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.