Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
No ano 2011, coincidindo co cincuenta aniversario da viaxe de Gagarin, estreouse o filme documental First Orbit, do director británico Christopher Riley.
Este filme constitúe un magnífico documento, pois recrea coa meirande fidelidade a viaxe de Gagarin. Desta viaxe (lembremos que era o ano 1961) tan só se conservan algúns anacos audiovisuais, os que se filmaron por encarga do goberno soviético. Mais o que si se conserva completo é o audio das comunicacións do cosmonauta cos técnicos da base de Baikonur.
Baseándose neste audio, Riley propúxose recrear as paisaxes que viu Gagarin durante os 108 minutos que durou o voo. Coa axuda do astronauta Paolo Naspoli, da Axencia Espacial Europea, que se encargou de gravar as imaxes, conseguiu programar unha órbita da Estación Espacial Internacional, unha órbita coa mesma traxectoria e similares condicións que a de Gagarin. O resultado é o documental First Orbit, que paga moito a pena ver.
No documental hai algúns anacos especialmente emotivos. Gagarin sabía previamente que, pola órbita que percorría, a comunicación coa base quedaría cortada ao non poder chegar as ondas de radio. Xa o sabía, mais durante uns minutos chama reiteradamente á base e obtén só o silencio como resposta. Cabía a posibilidade de que a nave saíra da órbita e se perdera no espazo. Cando por fin lle contestan, percíbese a fin do desacougo que sentira durante o tempo de silencio.
Velaquí dous vídeos. O primeiro contén a película completa. O segundo corresponde ao making of do filme.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.