Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(Na imaxe, en Bucarest, o equipo que facía as emisións da Radio Pirenaica)
Na novela, os pais do protagonista pechábanse no cuarto para escoitar pola noite as emisións de Radio España Independiente, Estación Pirenaica. O mesmo se facía en moitas casas de España, sempre coa precaución de que ningún veciño se decatase, pois estaba prohibido sintonizala. O que se escoitaba ao inicio era isto:
… o PCE contou cun instrumento propagandístico de primeira orde, Radio España Independiente, unha poderosa emisora radiofónica primeiro instalada na URSS, despois en Checoslovaquia e finalmente en Rumanía, desde onde transmitía nas diversas linguas do Estado. Hoxe non é posible cuantificar o número de persoas que en España escoitaba “A Pirenaica. A única emisora de radio sen censura de Franco”, como era familiarmente coñecida –sintonizala era xa un delicto de seu e podía levar ao cárcere a quen o fixese–, mais a súa influencia foi importante.
(Nicolás Sartorius / Javier Alfaya: La memoria insumisa)
A Radio Pirenaica estivo activa entre 1941 e 1977. Aínda que o goberno de Franco, con material facilitado polos EEUU, instalou un potente sistema para interferir as frecuencias en que emitía (o que explica as dificultades para escoitala con nitidez), o certo é que non conseguiu que a xente deixase de seguila.
Malia o seu afastamento xeográfico, os redactores da Pirenaica estaban ao tanto do que ocorría realmente en España, pois chegábanlles moitísimas cartas desde diferentes lugares do país, cartas de persoas anónimas que escribían para informar dos máis diversos sucesos. Unha selección destas cartas apareceu publicada hai pouco, cun estudo de moito interese.
Neste enlace podemos ver un completo e interesante documental sobre a historia da Pirenaica, “Radio Pirenaica. La historia de una radio clandestina“, emitido na TVE-2.
Un dos redactores da Pirenaica foi Jordi Solé Tura, militante do PSUC e unha das persoas que elaborou a Constitución de 1978. Cando xa estaba enfermo de Alzheimer, o seu fillo Albert realizou un documental, Bucarest. La memoria perdida, que a min me pareceu apaixonante. Ben merece unha entrada específica, que virá despois desta.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.