Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
En tres capítulos da novela, o protagonista fálanos dalgunhas das películas que viu nos anos sesenta. A primeira á que fai referencia é Marcelino pan y vino, proxectada nunha función gratuíta que organizan as autoridades. Este filme foi un dos grandes éxitos (comercial, mais tamén artístico) do cine español dos anos cincuenta.
A película trata un tema relixioso e busca provocar unha mestura de risas e bágoas. É de 1955, e dirixiuna o húngaro Ladislao Vadja, que logo de traballar en diversos países europeos acabaría instalándose en España (onde rodou títulos que conservan o seu interese, como El cebo, excelente adaptación dunha obra de Dürrenmatt).
Un dos motivos do éxito de Marcelino pan y vino veu pola actuación do neno protagonista, Pablito Calvo, que foi cualificado como «neno prodixio» e que, posteriormente, rodaría varias películas máis con Ladislao Vadja. Neste anaco do NO-DO (a partir do min. 39), pódese ver a popularidade do actor.
A historia que conta é a dun neno abandonado na porta dun convento de franciscanos, do que os frailes se fan cargo ao non atopar ningunha familia que o queira coidar. Está ben resumida no trailer do filme:
O libro que orixinou a película
Marcelino pan y vino é a adaptación cinematográfica da novela do mesmo título, da que é autor José María Sánchez Silva (1911-2002), un fervoroso falanxista e un dos intelectuais do réxime de Franco (é autor, entre outros, de Franco…, ese hombre, do que se faría posteriormente unha película de loanza ao ditador).
O libro, publicado orixinariamente na Editorial Doncel (aí foi onde eu o lin) en 1952, tivo moito éxito e traduciuse a un bo número de linguas. E foi o que levou a Sánchez Silva a acadar, compartido, o premio Andersen en 1968. É, polo de agora, o único autor español que obtivo este galardón.
No ano 1993, a Xunta de Galicia editou a versión galega do libro, traducido por Valentín Arias e ilustrado por Jaime Fariña Falcón.
Velaquí unha secuencia fundamental na película, onde se narra o milagre que se produce na historia:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.