Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
O proxecto Vostok comezou coa viaxe de Gagarin, en abril de 1961. E finalizou co lanzamento da nave Vostok 6, o 16 de xuño de 1963. O que fixo que este último voo pasase á historia foi o feito de que a nave ía tripulada por unha muller, Valentina Tereshkova.
A nave orbitou corenta e oito veces arredor da Terra, e V. Tereshkova estivo no espazo case tres días. Unha viaxe moito máis complexa ca a inicial de Gagarin. Foi a primeira cosmonauta da historia e, durante moito tempo, a única, pois pasaron moitos antes de que outra muller viaxase ao espazo (soviéticas, só dúas máis; as restantes foron de voos dos EE.UU.)
Valentina Tereshkova nacera no ano 1937, así que tiña vinte e seis cando subiu á Vostok VI. Non tiña experiencia previa como piloto, mais si como paracaidista, con máis de oitenta saltos. Cando o goberno soviético decidiu enviar unha muller ao espazo, en boa medida polo efecto propagandístico que provocaría, seleccionou un reducido grupo de candidatas, e a elixida foi ela. O seu nome en clave mentres durou a misión foi Chaika (gaivota).
Despois da súa fazaña, que lle proporcionou unha popularidade mundial, graduouse en enxeñaría espacial e traballou como instrutora de cosmonautas. Na actualidade, segue vivindo en Rusia.
Velaquí unha entrevista con Valentina Tereshkova. É do ano 2013, na canle Rusia Today, con motivo do 50 aniversario do seu voo espacial:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.