Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(A ilustración corresponde á portada dun dos cadernos da primeira etapa de El Capitán Trueno, cando aínda os debuxaba Ambrós)
“Mamá marchaba para a cociña e eu quedaba na compaña daqueles heroes que me fascinaban: El Cachorro, El Jeque Blanco, El inspector Dan, Aventuras del FBI… Por fortuna, con algúns non tiña que ter tantos coidados, podía lelos e relelos cantas veces quixer. Isto era porque ao meu pai lle gustaban tanto coma a min, ou máis, e dalgunhas series, como Hazañas Bélicas ou El Mundo Futuro, quedaba sempre cun exemplar para ilos coleccionando. A min deixábanme facer o mesmo cos de El Capitán Trueno, os meus preferidos por riba de todos.”
Este breve fragmento da novela enmárcase dentro das lembranzas que o protagonista fai sobre os tebeos da súa infancia. Nos anos cincuenta e nos primeiros da década dos sesenta, os tebeos coñeceron unha gran difusión en España, con tiraxes que hoxe nos parecen incribles. Eran “o cine dos pobres”, presentes en todos os fogares.
Os que se citan ( El Cachorro, El Jeque Blanco, El inspector Dan, Aventuras del FBI, Hazañas Bélicas, El Mundo Futuro, El Capitán Trueno) son todos do xénero de aventuras, o preferido polos nenos; eran de formato apaisado e utilizaban a fórmula do (continuará), que garantía a fidelidade dos lectores.
Tamén os había especificamente dirixidos ás nenas (Azucena, Rosas Blancas, Florita…). Con todo, os máis populares eran os de humor, lidos por pequenos e grandes (Pulgarcito, Tío Vivo, DDT, Tebeo…), onde naceron personaxes que durante moitos anos foron unha importante referencia social: Carpanta, Zipi y Zape, Doña Urraca, Las hermanas Gilda… Desde unha perspectiva nostálxica, é imprescindible visitar a páxina El Desván de Rafael Castillejo.
Existen numeroso libros que analizan os tebeos do franquismo tanto desde un enfoque ideolóxico como sociolóxico (mesmo eu escribín un longo ensaio, incluído en O rastro que deixamos). A eles remito, para quen desexen saber máis da gran importancia que tiveron.
P.S.: Sobre El Capitán Trueno e a importancia que tivo para os nenos da miña xeración xa falei nunha das primeiras entradas do meu blog “Un lector”.
(A canción “Capitán Trueno”, polo grupo Asfalto)
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.