Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(Na foto, algunhas das portadas de “Triunfo”, entre elas a do número posterior ao golpe de estado de Pinochet: sobre fondo negro, unha única palabra: CHILE)
No capítulo 13 do libro, que transcorre no ano 1968, podemos ler estas reflexións de Miguel:
Cadrou, ademais, que os últimos meses de clase coincidiron coas revoltas de maio en París, sobre as que lía entusiasmado as crónicas que se publicaban en Triunfo, unha revista que descubrira algúns meses atrás e que, semana a semana, devoraba coa ansia dun converso. Triunfo foi a canle que me levou a ver o mundo como unha casa común onde nada do que sucedía me era alleo; nas súas páxinas aprendín a encaixar os feitos que só eran inconexos na aparencia e a intuír as grandes forzas que dominaban a sociedade. Un mundo novo parecía querer agromar ao meu redor.
Algo semellante lles sucedeu a outros mozos da xeración de Miguel, especialmente se tiñan intereses políticos ou culturais. A revista Triunfo foi un dos referentes imprescindibles durante os anos sesenta e boa parte da década dos setenta. Había outras (Cuadernos para el diálogo, El Ciervo…), mais non tiñan o atractivo de Triunfo: un prezo reducido, unhas portadas magníficas e a garantía de que nas súas páxinas se encontrarían reportaxes e artigos (política, cine, literatura, teatro…) impensables noutras publicacións.
As persoas que escribían en Triunfo facíano con rigor e claridade, Salientaban Eduardo Haro Tecglen e Manuel Vázquez Montalbán, así como o humor de Chumi Chúmez, Luis Carandell e as viñetas feministas de Nuria Pompeia.
Nun artigo de moito interese na web Rebelion.org, explícanse con claridade os obxectivos de Triunfo:
… la revista que en los años 60 y 70, dos décadas cruciales, encarnó las ideas y la cultura de la izquierda de nuestro país y fue símbolo de la resistencia intelectual al franquismo. Dos ideas fundamentales guiaron a la revista a partir de su nueva situación profesional: dirigirse a las mayorías y transitar por senderos culturales para que sus páginas pudieran acoger las grandes corrientes del pensamiento europeo.Triunfo emprendió entonces un camino sin retorno con el firme propósito de atravesar aquella turbia época realizando un periodismo insobornable que restableciera la memoria histórica, arrancada a los españoles por la violenta agresión de los vencedores.
Ao longo dos anos, Triunfo foi secuestrada e multada en diversas ocasións polos gobernos de Franco, como ben se nos lembra nesta páxina. A revista pechou en 1982. Como lemos en Rebelion.org, “la publicación que más había luchado y padecido en España por la libertad y la democracia, desaparecía a manos de la ley del mercado tres meses antes de que la izquierda de entonces llegara con mayoría absoluta al poder.”
Desde o ano 2006, temos a fortuna de contar na Rede coa edición dixitalizada de Triunfo. Unha alfaia para quen desexe regresar ás décadas dos 60 e 70 en España.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.