Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
O primeiro satélite artificial
Nos anos cincuenta, comezou a tomar corpo a idea de lanzar un satélite artificial ao espazo. As dúas grandes potencias consolidadas despois da 2ª Guerra Mundial, os EE UU e a URSS, foron as que traballaron para facela realidade. No contexto da chamada “guerra fría”, quen se adiantou foi a URSS, que en outubro de 1957 anunciou o lanzamento do primeiro satélite artificial da historia: o Spútnik 1 (Spútnik, en ruso, quere dicir “compañeiro de viaxe”).
(O lanzamento do foguete que levaba o Sputnik-1)
(Vídeo informativo sobre o Sputnik. Web Aula24Ciencias)
O Sputnik 1, tal como se conta na novela, emitía un son peculiar, que podemos escoitar nestoutro vídeo:
O primeiro ser vivo no espazo
Un mes despois, a URSS poñía en órbita o Spútnik 2. A novidade é que este segundo satélite levaba dentro un pasaxeiro moi peculiar: a cadela Laika. Con isto pretendíase comprobar se un ser vivo podía sobrevivir en condicións de ingravidez. Laika morreu ás poucas horas de voo, non puido regresar con vida á Terra. A súa imaxe fíxose moi popular e mesmo serviu de tema para cancións coma esta.
E poucos meses despois, en xaneiro de 1958, os EE UU lanzaba o seu primeiro satélite artificial: o Explorer 1. O Spútnik sinalou o comezo da carreira espacial, que se desenvolvería con intensidade durante a década dos sesenta e que culminaría coa chegada á Lúa dos astronautas estadounidenses Armstrong e Aldrin.
Na actualidade, os satélites artificiais xa forman parte da nosa vida cotiá: o mundo das telecomunicacións depende en grande medida deles.
(Neste último vídeo, podemos ver un documental de 1957 sobre o lanzamento do Spútnik 1)
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.