A
VIAXE
DE
GAGARIN
Blog da novela
Agustín Fernández Paz

25. Queimar era un pracer


(Na imaxe, un fotograma de Fahrenheit 451
a película que François Truffaut fixo sobre a novela de Ray Bradbury)

fahrenheit-4512En A viaxe de Gagarin, a novela Fahrenheit 451, do escritor norteamericano Ray Bradbury, ten unha destacada presenza de carácter simbólico, e algúns fragmentos dela ocupan case por completo o capítulo 24.

Nos anos sesenta publicouna en España a editorial Plaza&Janés, foi a primeira novela de Ray Bradbury que se puido ler. Poucos anos despois, xa no final da década, comezarían a venderse en España os libros da Editorial Minotauro, que fundara en Bos Aires o galego Francisco Porrúa, o mesmo que editaría os Cien años de soledad de García Márquez, o Rayuela de Cortázar ou O Hobbit e O Señor dos Aneis de Tolkien.

Minotauro, especializada en bos libros de ciencia ficción, foi unha marabilla para as persoas amantes do xénero. Unha colección que se inaugurara en 1955, precisamente con outra novela de Ray Bradbury, Crónicas Marcianas, con prólogo de J. L. Borges (desta novela extraordinaria, hai edición galega en Xerais, o mesmo que de Fahrenheit 451).

“Queimar era un pracer.”

Con estas palabras  comeza Fahrenheit 451, que Ray Bradbury (1920-2012) escribiu en 1953, nos anos en que os Estados Unidos vivían a represión da “caza de bruxas” do infame senador McCarthy. O propio Bradbury, nun texto imprescindible (“A lume vivo”) que se inclúe como introdución nalgunhas edicións do libro (por exemplo, na edición galega de Xerais, con tradución de Mª Magdalena Fernández Pérez) explica cal foi a xénese desta novela, tan afastada dos parámetros oficiais da ciencia ficción.

En realidade, aínda que nos seus libros empregue os recursos da ciencia ficción, as novelas e relatos de Bradbury achégannos a temas que estaban de actualidade no seu tempo e que, en boa medida, seguen a estalo nestes primeiros anos do século XXI. Tal ocorre con Fahrenheit 451, unha fábula sobre a importancia da liberdade, sobre os perigos da manipulación social e da alienación tecnolóxica, sobre a opresión que nos chega desde o poder… E, sobre todo, unha defensa afervoada da cultura, dos libros e da lectura, de necesidade que temos as persoas de soñar, de que nos conten historias. E da rebeldía, como exemplifica a cita de Juan Ramón Juménez que abre o libro: «Se che dan papel raiado, escribe pola outra cara.»

A trama desta novela imprescindible xa é coñecida dabondo. Transcorre nunha sociedade futura onde a lectura está prohibida. Montag é un xefe dos bombeiros encargados de queimar os libros. Un día, cando se dispón a queimar os que descubriran na casa dunha anciá, colle algúns deles e gárdaos para si. Está intrigado, quere saber que hai neses pequenos obxectos tan importantes para algunhas persoas. Leos, ás agachadas, e reincide máis veces, ata quedar atrapado nas redes da lectura. Converterase entón nun ilegal, perseguido polos que foran os seus compañeiros, forzado a fuxir se quere salvar a súa vida.

Nesta secuencia de Fahrenheit 451, a película que fixo Truffaut, está moi ben recollida a obsesión pola queima de libros e os razoamentos que o xefe dos bombeiros lle fai ao protagonista:

A queima de libros é máis ca unha metáfora. Temos na historia exemplos dabondo para comprobarmos que as sociedades totalitarias odian os libros (ou certa clase de libros) e fan canto sexa necesario para prohibilos ou para destruílos. Tamén para queimalos: aí están os exemplo da Alemaña de Hitler, do Chile de Pinochet e da Arxentina da Junta Militar ou da España de Franco (tremenda!, a foto da queima de libros na Coruña que Manuel Rivas coloca ao inicio do seu Os libros arden mal).

Hai moitos máis fíos neste libro, quen queira afondar nel pode facelo neste enlace, nestoutro ou noutro máis. E hai un final sorprendente e marabilloso, que pon unha raiola de esperanza no panorama opresivo que preside a novela. Un final que levou, entre outras realizacións, á creación do Proyecto Fahrenheit 451 (as persoas libro) por parte da Escuela de Escritores, unha iniciativa moi estimable, da que este vídeo é unha mostra:







24. Media vida baixo terra


(Na imaxe, un fotograma da película documental 30 años de oscuridad)

No capítulo 26 de A viaxe de Gagarin hai unha breve referencia a uns feitos que axudan a entender ben o medo persistente que xerou a ditadura de Franco, especialmente entre as persoas que se mantiveran fieis á República:

Por aquel tempo comezaron a aparecer numerosas noticias sobre os que a prensa non tardou en bautizar como «as toupas». O derradeiro día de marzo daquel 1969, o goberno publicou un decreto polo que se declaraban prescritos todos os delitos anteriores ao primeiro de abril de 1939. E iso provocou un feito que mamá e mais eu comentabamos con abraio. Coma resucitados, ou como fantasmas, en moitos lugares do país apareceron publicamente homes que permaneceran agochados durante aqueles trinta anos, sempre en refuxios moi precarios e contando coa complicidade dalgún familiar. En sotos, en faiados, nun furado escavado na terra, nun alpendre cos coellos (…)

Portada topos 1Esta páxina tráxica caería no esquecemento de nos ser polo labor de dous xornalista: Jesús Torbado e Manu Leguineche. Durante varios anos buscaron esas «toupas»  por España adiante e conseguiron entrevistar un número representativo delas. Recolleron a súa investigación nun libro, Los topos, que tivo amplísima repercusión e foi traducido a diversas linguas. Hai pouco, a editorial Capitán Swing reeditou o libro, que era inencontrable.

Sobre un destes topos, Manuel Cortés Quero, que fora alcalde de Mijas nos anos da República, fíxose unha película documental, 30 años de oscuridad, de altísimo interese, presentada coma se fose unha novela gráfica, mais interpretada por actores profesionais, como Juan Diego.

Velaquí o trailer e mais un vídeo co making of do filme:







23. As fotos do cuarto de Miguel


Naqueles meses, as paredes do meu cuarto comezaron a cubrirse tamén con outras fotografías. O lugar principal seguía ocupado polo taboleiro que acollía as da aventura espacial, onde as últimas que colocara eran todas de astronautas norteamericanos, que parecían collerlles a dianteira aos rusos. Mais tamén empecei a poñer outras no espazo que había por riba da miña mesa de traballo. Poucas, pero seleccionadas. Unhas fotos que, dalgún xeito, supuñan unha declaración de principios; un xeito de dicir «estas son as persoas que admiro, o que elas representan tamén me representa a min».


Este anaco do capítulo 13  d’A viaxe de Gagarin corresponde ao momento en que Miguel describe as fotografías que tiña pegadas no cuarto.

A primeira é a que encabeza esta entrada: nas Olimpíadas de México (1968), os atletas de EEUU John Carlos e Tommie Smith, vencedores nos douscentos metros libres, soben ao podio cunha luva negra e o puño en alto. Un acto reivindicativo, no contexto das loitas da poboación negra contra a segregación racial, que condicionou a súa carreira posterior.

Outra é a portada do Rubber Soul, un LP que The Beatles gravaron en 1965. Era o primeiro en que abandonaban as cancións lixeiras dos discos anteriores e se atrevían con composicións máis complexas, tamén nas letras: “Norwegian Wood”, “Nowhere man”, “Michelle”…

rubber soul 2

E unha terceira é unha foto do grupo The Byrds, representantes do que logo se chamou folk rock. Sobre este grupo publiquei un post hai algún tempo, con vídeos das súas cancións máis coñecidas.

the byrds 2

Tamén estaba outra portada dun disco. Neste caso, a do segundo LP de Bob Dylan, The Freewheelin, publicado en maio de 1963. Nel figuran cancións moi coñecidas, como “Blowin’ in the Wind”, “Masters of War”, “A Hard Rain’s A-Gonna Fall”, “I Shall Be Free”…

Dylan3

Non faltaba a famosa foto que Alberto Korda lle fixo ao Che Guevara na Habana, unha imaxe que acabou por se converter nunha icona estereotipada:

Che Guevara 3

E, finalmente, estaba tamén un coñecido fotograma da película Matar un reiseñor (Robert Mulligan, 1962), protagonizada por Gregory Peck no papel do avogado Atticus Finch, e narrada desde a óptica dunha personaxe inesquecible: Scout, a filla do avogado, de seis anos de idade.

mater un reiseñor 2