A
VIAXE
DE
GAGARIN
Blog da novela
Agustín Fernández Paz

22. As películas da novela (e 4)


O evanxeo segundo Mateo

Ademais das que citamos en tres entradas anteriores, na novela tamén se fai referencia a dúas películas que o protagonista non chegou a ver. No capítulo 11 podemos ler isto:

Mamá falaba con admiración de Xoán XXIII, o papa que morrera había algúns meses e deixara en herdo a convocatoria do Concilio Vaticano II, onde se discutían ideas próximas ás defendidas por eles os catro. Foi unha desas noites cando escoitei por vez primeira o nome de Pier Paolo Pasolini, un italiano que era ateo e comunista e fixera unha película sobre a vida de Xesús Cristo, O evanxeo segundo Mateo, que moito lles gustara aos tres.

O evanxeo segundo Mateo (en España chamouse El evangelio según San Mateo) é unha das películas máis interesantes do director Pier Paolo Pasolini. No seu momento (1964), motivou moitas discusións, dada a personalidade de Pasolini. Que un comunista ateo decidise rodar unha película que segue literalmente un dos catro evanxeos canónicos era algo insólito na Italia dos anos sesenta. O filme, non por casualidade, está dedicado ao papa Xoán XXIII, o promotor do Concilio Vaticano II, que pretendeu facer cambios radicais na Igrexa Católica. Como lemos aquí,

Pasolini derruba a fastosidade do cine bíblico, manténdose nunha austeridade case ascética (cun reparto de actores non profesionais e localizacións en Matera, unha árida rexión ao sur de Italia), para centrarse nas ensinanzas de Xesús, o seu protagonista, encarnado polo estudante español Enrique Irazoqui.

Neste vídeo, pódese ver unha montaxe das secuencias en que Xesús transmite a súa mensaxe, comezando polo chamado Sermón da Montaña:

Pasolini recorreu a actores non profesionais (Enrique Irazoqui era un estudante español, membro dun partido revolucionario). A imaxe de Cristo que ofrece está nas antípodas do cine bíblico. E non pasan os anos por este filme, que conta cunha excepcional fotografía en branco e negro, e cunha banda sonora onde os silencios son tan importantes coma as músicas seleccionadas.

Velaquí outra breve secuencia que recrea unha das pasaxes máis coñecidas do Evanxeo: “É máis doado que un camelo pase polo ollo dunha agulla…”:

Viridiana, no colofón

O libro péchase cun colofón (páx. 279) onde se fai referencia a Viridiana, o filme de Luis Buñuel  que acadou a Palma de Ouro no festival de Cannes do ano 1961. En España, a censura prohibiu a súa exhibición e non se puido ver ata o ano 1977.

En Viridiana están presentes moitas das constantes do cine de Luis Buñuel, desde a relixión á ollada fetichista da sexualidade, pasando pola mirada surrealista presente en toda a súa obra, como ben se pode intuír no trailer da película:

 

 

 

 

 

 

 

 

 







21. Os “estados de excepción”


(Na imaxe, manifestación de obreiros durante unha folga)

Os estados de excepción

En diversos capítulos da novela hai referencias ao estado de excepción, un termo que pode resultar estraño a calquera lector que non vivise os anos sesenta. O que era está ben explicado neste fragmento do libro La memoria insumisa. Sobre la dictadura de Franco (1999), de Nicolás Sartorius  e Javier Alfaya:

Nunha ditadura un estado de excepción constitúe un sarcasmo, xa que ese estado é o habitual na vida do país. Franco utilizou de xeito reiterado este método, en especial nos anos do chamado “tardofranquismo”.
A ditadura, malia a súa gran capacidade represiva, era feble desde o punto de vista político. Chegaba con que unha parte da poboación, polo xeral obreiros ou estudantes, se mobilizara (…) para que ao réxime lle entrase un estraño pánico e se apurase a suspender decontado a aplicación de determinados artigos do Fuero de los Españoles.
(…) O réxime tiña tal medo a calquera mobilización popular que, cando se producía, establecía unha especie de ditadura na ditadura (…) Iso significaba que as forzas de seguridade do Estado gozaban aínda de maior carta branca e podían facer o seu traballo sen controis de ningún tipo.

Os estados de excepción foron numerosos dabondo, como se pode observar neste cadro, tomado de El TOP. La represión de la libertad (1963-1977) de Juan José del Águila:

Cadro estados de excepción franquismo3

 O estado de excepción de 1969

Este é o período de excepción máis coñecido, pois por vez primeira se estendeu a toda España. Ademais das folgas e protestas que houbera durante 1968, un detonante  inmediato foi o asasinato do estudante Enrique Ruano Casanova, que desde o goberno se quixo presentar como un suicidio.

Homenaje a Enrique Ruano a 40 años de su asesinato from Freepresscoop on Vimeo.

Durante os meses que durou houbo numerosas detencións e deportacións. Hai un documental, Deportados 1969, que pode servir de mostra, pois recolle moi ben a deportación de diversos membros das Comisións Obreiras andaluzas.







20. As películas da novela (3)


(Na imaxe, un fotograma de West Side Story,
co enfrontamente entre as dúas bandas rivais, os Sharks e os Jets, no West Side de New York)

No capítulo 18 da novela, o protagonista lembra as películas que viu na compaña da moza que amaba:

Aínda gardo as entradas das películas que vimos xuntos aquel ano, daquela eran ben máis grandes ca eses tíckets ridículos que empregan agora. Como tiña o costume de lles poñer por detrás o título e a data, podo rememorar cada unha daquelas funcións compartidas. Como esquecelas, se forman parte dos momentos máis felices da miña vida? O coleccionista, ¿Que foi de Baby Jane?, West Side Story, O planeta dos simios, O graduado, My Fair Lady, Doutor Zhivago, Bonnie and Clyde… Películas que, cando agora as reencontro nalgunha cadea de televisión, me enfrontan á alegría da lembranza e ao amargor da perda, que sempre acaba por impoñerse.

Todos eles son filmes que acadaron un amplo éxito comercial cando se estrearon en España. E, por unha ou outra razón, co paso dos anos acabaron por ser referentes  significativos do cine da década dos sesenta. Velaquí o trailer (ou unha pequena reportaxe) sobre cada un deles.

O coleccionista (The collector, 1965. Dir. William Wyler) é unha película que abriu camiño á posterior xeira de películas de psicópatas, entre o drama e o terror. Con só dous personaxes, Wyler artellou un filme imposible de esquecer.

Que foi de Baby Jane? (What Ever Happened to Baby Jane?, 1962. Dir. Robert Aldrich). Dúas irmás que se odían vense na obriga de vivir na mesma casa. Unha non se pode valer por si mesma e terá que sufrir as maldades da outra. Unha interpretación soberbia de Bette Davies e Joan Crawford.

West Side Story (West Side Story, 1961. Dir. Robert Wise e Jerome Robbins) foi unha das películas míticas entre a mocidade dos sesenta. O drama de Romeo e Xulieta trasladado a un barrio marxinal de New York, co problema da inmigración como fondo, e con extraordinarias secuencias musicais.

O planeta dos simios (Planet of the Apes, 1968. Dir. Franklin J. Schaffner). Aínda que en anos posteriores houbo outras versións, esta película conserva unha forza que non chegou a acadar ningunha outra. A secuencia final é unha das máis famosas da historia do cine.

O graduado (The Graduate, 1967. Dir. Mike Nichols). Á sona desta película contribuíu a súa banda sonora, con cancións de Simon & Garfunkel. Unha historia de amor, dentro da confrontación xeracional que se deu na década dos sesenta.

My Fair Lady (My Fair Lady, 1964. Dir. George Cukor). Un dos musicais máis coñecidos, que recrea a historia de Pigmalión no Londres dos primeiros anos do século XX.

Doutor Zhivago (Doctor Zhivago, 1965. Dir. David Lean). Baseado na novela do Nobel ruso Boris Pasternak, o filme conta unha historia de amor no contexto dos anos da revolución rusa, nunha reconstrución histórica magnífica.

Bonnie and Clyde (Bonnie & Clyde, 1967. Dir. Arthur Penn). Unha das películas máis populares da década, baseada na historia real dunha parella que se dedicaba a atracar bancos. Unha visión nova do cine de gansters.