A
VIAXE
DE
GAGARIN
Blog da novela
Agustín Fernández Paz

28. Os libros da novela


(Na imaxe, libros prohibidos durante o franquismo, a maioría da editorial Ruedo Ibérico)

Unha novela con moitos libros dentro

A viaxe de Gagarin é unha narración onde os libros ocupan un lugar relevante. E non me refiro ao feito de os personaxes teñan unha relación especial co mundo da letra impresa. A nai do protagonista é filla de libreiros e rexenta unha libraría de barrio; o pai é tipógrafo e traballa nunha imprenta; e Euclides, o seu mellor amigo, é encadernador. Celia, a nai, é unha lectora apaixonada, e posiblemente fose ela quen espertou a paixón lectora no seu fillo.

Ao falar dos libros da novela, penso naqueles títulos ou coleccións que se citan expresamente, e nunca dun xeito gratuíto. No percorrido que imos facer, prescindo dos “tebeos”, das novelas de quiosco e de Fahrenheit 451, a novela de Ray Bradbury, pois xa mereceron cadansúa entrada.

A Editorial Doncel

La Ballena Alegre 4A primeiros dos anos sesenta, cando gaña un premio literario, ao protagonista agasállano cun lote de libros da editorial Doncel. Esta era unha editorial creada pola propia ditadura, onde se editaban aqueles títulos que o “Movimiento” consideraba axeitados (entre eles, os de Formación del Espíritu Nacional que se utilizaban no bacharelato).

Nun tempo en que escaseaba a literatura infantil de calidade, Doncel creou unha colección, “La Ballena Alegre”, na que apareceron diversos títulos de interese (De un país lejano, de Ángela Ionescu; Marcelino Pan y Vino, de Sánchez Silva; Marsuf, vagabundo del espacio, de Tomás Salvador…) e mesmo algunhas traducións insólitas, como Rasmus y el vagabundo, de Astrid Lindgren.

As coleccións populares: Reno, Austral e (máis tarde) Alianza

Lord JimNa novela cítanse expresamente estas dúas colección, que durante os anos sesenta cumprían o papel que hoxe poden facer os libros de peto: libros de pequeno formato, baratos e de encadernación sinxela: Reno e Austral. Tanto nunha coma noutra colección o catálogo era moi amplo. Austral atendía máis a autores canónicos españois (Ortega y Gasset, Unamuno, Pío Baroja, Valle Inclán…) mentres que en Reno aparecían títulos de autores actuais, a inmensa maioría estranxeiros (sempre dentro das marxes permitidas pola censura, que eran ben estreitas). Aínda que nos pareza estraño, a carón de títulos comerciais podíanse atopar algunhas obras de Faulkner, Conrad ou Ivo Andric.

En 1966 apareceu unha nova colección, El Libro de Bolsillo de Alianza Editorial, que supuxo unha pequena revolución: tamén eran baratos, as portadas moi atractivas, (obra de Daniel Gil, paga moito a pena velas) e o seu catálogo ofrecía obras que ata daquela parecían impensables, e en traducións de calidade. A esta colección pertencía o libro Poemas y canciones, de Bertolt Brecht, co que o protagonista agasalla a Francesca.

libros de Austral

(portadas dalgúns títulos da Colección Autral)

Os libros prohibidos

La náusea 2A censura estendíase a todos os produtos culturais (o cine, os cómics, os xornais e revistas, as cancións…) E tamén aos libros, xaora; como ben sabemos, eran moitos os títulos e os autores que a ditadura de Franco prohibía publicar. Escritores exiliados (León Felipe, Max Aub, Castelao, Luís Seoane, Blanco Amor, Rosa Chacel…) ou vítimas da guerra (García Lorca, Antonio Machado), escritores de ideoloxía orientada á esquerda (Albert Camus, Jean Paul Sartre, Simone de Beauvoir, Bertrand Russell, Pablo Neruda, Máximo Gorki, Karl Marx…), autores que non respectaban a doutrina da Igrexa Católica ou a súa moral sexual (Nabokov, coa súa célebre Lolita; Alberto Moravia, James Joyce, Franz Kafka, André Gide…).

Moitos destes títulos prohibidos circulaban por España dun xeito clandestino. Editados na Arxentina (na editorial Losada, sobre todo, mais tamén noutras como a editorial Sur) ou en México (no Fondo de Cultura Económica, na editorial Joaquín Mortiz, en Grijalbo…), chegaban a España de contrabando e algunhas librarías, que os tiñan agochados, ofrecíanllelos aos clientes nos que sabían que podían confiar.

Tamén entran nesta categoría os libros da editorial Ruedo Ibérico, creada en París, no ano 1961. Ruedo Ibérico publicaba libros referidos á realidade social española, que facían chegar a España por diferentes medios.
Por eses camiños foi como acabaron chegando algúns deles ás mans do protagonista da novela, sobre todo a través do encadernador Euclides.

Os libros galegos

Merlin e familia 2Nos anos sesenta, o panorama da edición en galego era moi precario, e os escasos libros que se publicaban tiñan tiraxes curtas e unha distribución restrinxida a certas librarías. Os libros que le o noso protagonista —Longa noite de pedra, Cousas, Vento ferido e Merlín e familia— chegan a el a través dos seus amigos Suso e Santi, que comezaran a frecuentar a Asociación Cultural “O Facho”, unha das primeiras que se creou en Galicia.

Os libros de Sherlock Holmes

As novelas e relatos do personaxe creado por Arthur Conan Doyle coñeceron moitas edicións de carácter popular. En A viaxe de Gagarin aparecen porque eran os que utilizaban os militantes clandestinos  para identificar os seus contactos. E dáse a entender que deles procede o nome do enigmático Camarada Holmes.







27. A oposición ao franquismo


 (A fotografía procede da páxina  http://www.makma.net/)

Boa parte da trama de A viaxe de Gagarin desenvólvese na España dos anos sesenta, unha década en que a ditadura de Franco –contra o que se adoita pensar– reprimiu con dureza os movementos sociais que se opuñan ao franquismo e loitaban polas liberdades básicas, presentes nas democracias europeas, mais ausentes na sociedade española.

primeraasambleageneraldeccooA oposición ao franquismo manifestouse con especial intensidade no mundo obreiro (deses anos é o nacemento das Comisións Obreiras, que aproveitaron as vías de participación do Sindicato Vertical, o único que permitía a ditadura) e tamén no ámbito universitario.

En Galicia, as loitas obreiras deses anos, sobre todo nas bisbarras de Vigo e Ferrol, están moi ben contadas no libro O latexo da vida e da conciencia. Memorias colectivas de Rafael Pillado, que xa comentei hai algúns meses no meu blog “Un lector”. En canto ás loitas na Universidade (daquela só había a de Compostela) é moi interesante o libro Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1969 de Ricardo Gurriarán.


Carrillo e Pasionaria 2Dos partidos políticos (todos clandestinos, pois estaban prohibidos), o mellor organizado era o Partido Comunista de España (PCE), sobre o que hoxe existe ampla documentación. Coa dirección no exilio francés, acadou unha ampla influencia nos movementos de oposición ao Réxime. Naqueles anos xogou un papel importante Dolores Ibarruri, A Pasionaria, así como Santiago Carrillo, o Secretario Xeral. Algúns acontecementos que marcaron a súa evolución foron a represión sobre Hungría (1956), o esmagamento da Primavera de Praga” (1969) e a crise derivada da expulsión de Jorge Semprún e Fernando Claudín. A propia Dirección do PCE elaborou unha Historia del PCE hasta 1960, moi cuestionable. Velaquí un documental sobre Dolores Ibarruri, que dalgún xeito reflicte a historia do PCE:


(Esta é a primeira parte. A segunda, aquí, e a terceira, nestoutro enlace.)

Existían outros partidos clandestinos, mais o seu papel tivo menos relevancia, localizada ás veces nun único sector. En Galicia, aparecen neses anos dous partidos nacionalistas chamados a ter relevancia: o PSG fúndase no ano 1963 e a UPG no ano 1964.

Sobre o papel do Partido Comunista en Galicia, e sobre as actuacións arriscadas dos seus militantes, existe un documental interesantísimo: O meu nome é Luís Ferreiro. Unha historia do antifranquismo galego, dirixido por Roi Cagiao e Fernando Llor. Velaquí o seu tráiler:´

En 1966, Alain Resnais rodou un filme moi interesante, con guión de Jorge Semprún: La Guerre est Finie , que reflicte moi ben as dificultades dos militantes comunistas que traballaban na clandestinidade. Velaquí os minutos iniciais:







26. Al alba, al alba


Na parte final da novela, faise referencia ás derradeiras condenas a morte do réxime de Franco, en setembro de 1975:

Alí vivín os terribles últimos días de setembro de 1975, cando toda Europa asistiu estremecida ás cinco condenas a morte que decidiu o réxime de Franco, obstinado en evidenciar a súa crueldade ata o final. Lembro como milleiros de persoas estivemos toda unha noite na Place de la Concorde, nunha vixilia de silencio e de candeas acesas. Unha protesta que, coma tantas outras, non foi atendida: na mañá do 27 de setembro, os cinco mozos foron fusilados.

Hoxe contamos con ampla información sobre todo o proceso que levou ás condenas a morte, cun xuízo cargado de irregularidades. Os executados foron dous militantes de ETA, Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui, e tres do FRAP, José Luis Sánchez Bravo, Ramón García Sanz e Humberto García Baena, que era de Vigo, onde reside a súa familia, que honra a súa memoria cada 27 de setembro.

As execucións suscitaron protestas, moito máis enérxicas e numerosas fóra de España (mesmo o Papa Pablo VI e outros gobernos europeos intercederon polos condenados), mais foron inútiles. Franco xustificou o sucedido no seu derradeiro discurso, entre o fervor da xente que o aclamaba na Praza de Oriente. Faltaban menos de dous meses para a morte do ditador.

Co paso dos anos foise sabendo máis daquelas semanas. Esta reportaxe de “Informe Semanal” de TVE fai un bo resumo dos feitos. Tamén é interesante ver este avance do documental Septiembre del 75 (2009), dirixido por Alberto Dufour.

Luis Eduardo Aute compuxo unha canción inesquecible, “Al alba”, para expresar a súa indignación ante as condenas. A letra, metafórica para evitar a censura, ten maior profundidade e permanencia que se fose explícita. Quen primeiro a gravou foi a cantante Rosa León, e máis tarde fíxoo o propio Aute:

A versión de Rosa León: