Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(A fotografía procede da páxina http://www.makma.net/)
Boa parte da trama de A viaxe de Gagarin desenvólvese na España dos anos sesenta, unha década en que a ditadura de Franco –contra o que se adoita pensar– reprimiu con dureza os movementos sociais que se opuñan ao franquismo e loitaban polas liberdades básicas, presentes nas democracias europeas, mais ausentes na sociedade española.
A oposición ao franquismo manifestouse con especial intensidade no mundo obreiro (deses anos é o nacemento das Comisións Obreiras, que aproveitaron as vías de participación do Sindicato Vertical, o único que permitía a ditadura) e tamén no ámbito universitario.
En Galicia, as loitas obreiras deses anos, sobre todo nas bisbarras de Vigo e Ferrol, están moi ben contadas no libro O latexo da vida e da conciencia. Memorias colectivas de Rafael Pillado, que xa comentei hai algúns meses no meu blog “Un lector”. En canto ás loitas na Universidade (daquela só había a de Compostela) é moi interesante o libro Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1969 de Ricardo Gurriarán.
Dos partidos políticos (todos clandestinos, pois estaban prohibidos), o mellor organizado era o Partido Comunista de España (PCE), sobre o que hoxe existe ampla documentación. Coa dirección no exilio francés, acadou unha ampla influencia nos movementos de oposición ao Réxime. Naqueles anos xogou un papel importante Dolores Ibarruri, A Pasionaria, así como Santiago Carrillo, o Secretario Xeral. Algúns acontecementos que marcaron a súa evolución foron a represión sobre Hungría (1956), o esmagamento da Primavera de Praga” (1969) e a crise derivada da expulsión de Jorge Semprún e Fernando Claudín. A propia Dirección do PCE elaborou unha Historia del PCE hasta 1960, moi cuestionable. Velaquí un documental sobre Dolores Ibarruri, que dalgún xeito reflicte a historia do PCE:
(Esta é a primeira parte. A segunda, aquí, e a terceira, nestoutro enlace.)
Existían outros partidos clandestinos, mais o seu papel tivo menos relevancia, localizada ás veces nun único sector. En Galicia, aparecen neses anos dous partidos nacionalistas chamados a ter relevancia: o PSG fúndase no ano 1963 e a UPG no ano 1964.
Sobre o papel do Partido Comunista en Galicia, e sobre as actuacións arriscadas dos seus militantes, existe un documental interesantísimo: O meu nome é Luís Ferreiro. Unha historia do antifranquismo galego, dirixido por Roi Cagiao e Fernando Llor. Velaquí o seu tráiler:´
En 1966, Alain Resnais rodou un filme moi interesante, con guión de Jorge Semprún: La Guerre est Finie , que reflicte moi ben as dificultades dos militantes comunistas que traballaban na clandestinidade. Velaquí os minutos iniciais:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.