Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(Na imaxe, libros prohibidos durante o franquismo, a maioría da editorial Ruedo Ibérico)
A viaxe de Gagarin é unha narración onde os libros ocupan un lugar relevante. E non me refiro ao feito de os personaxes teñan unha relación especial co mundo da letra impresa. A nai do protagonista é filla de libreiros e rexenta unha libraría de barrio; o pai é tipógrafo e traballa nunha imprenta; e Euclides, o seu mellor amigo, é encadernador. Celia, a nai, é unha lectora apaixonada, e posiblemente fose ela quen espertou a paixón lectora no seu fillo.
Ao falar dos libros da novela, penso naqueles títulos ou coleccións que se citan expresamente, e nunca dun xeito gratuíto. No percorrido que imos facer, prescindo dos “tebeos”, das novelas de quiosco e de Fahrenheit 451, a novela de Ray Bradbury, pois xa mereceron cadansúa entrada.
A primeiros dos anos sesenta, cando gaña un premio literario, ao protagonista agasállano cun lote de libros da editorial Doncel. Esta era unha editorial creada pola propia ditadura, onde se editaban aqueles títulos que o “Movimiento” consideraba axeitados (entre eles, os de Formación del Espíritu Nacional que se utilizaban no bacharelato).
Nun tempo en que escaseaba a literatura infantil de calidade, Doncel creou unha colección, “La Ballena Alegre”, na que apareceron diversos títulos de interese (De un país lejano, de Ángela Ionescu; Marcelino Pan y Vino, de Sánchez Silva; Marsuf, vagabundo del espacio, de Tomás Salvador…) e mesmo algunhas traducións insólitas, como Rasmus y el vagabundo, de Astrid Lindgren.
Na novela cítanse expresamente estas dúas colección, que durante os anos sesenta cumprían o papel que hoxe poden facer os libros de peto: libros de pequeno formato, baratos e de encadernación sinxela: Reno e Austral. Tanto nunha coma noutra colección o catálogo era moi amplo. Austral atendía máis a autores canónicos españois (Ortega y Gasset, Unamuno, Pío Baroja, Valle Inclán…) mentres que en Reno aparecían títulos de autores actuais, a inmensa maioría estranxeiros (sempre dentro das marxes permitidas pola censura, que eran ben estreitas). Aínda que nos pareza estraño, a carón de títulos comerciais podíanse atopar algunhas obras de Faulkner, Conrad ou Ivo Andric.
En 1966 apareceu unha nova colección, El Libro de Bolsillo de Alianza Editorial, que supuxo unha pequena revolución: tamén eran baratos, as portadas moi atractivas, (obra de Daniel Gil, paga moito a pena velas) e o seu catálogo ofrecía obras que ata daquela parecían impensables, e en traducións de calidade. A esta colección pertencía o libro Poemas y canciones, de Bertolt Brecht, co que o protagonista agasalla a Francesca.
(portadas dalgúns títulos da Colección Autral)
A censura estendíase a todos os produtos culturais (o cine, os cómics, os xornais e revistas, as cancións…) E tamén aos libros, xaora; como ben sabemos, eran moitos os títulos e os autores que a ditadura de Franco prohibía publicar. Escritores exiliados (León Felipe, Max Aub, Castelao, Luís Seoane, Blanco Amor, Rosa Chacel…) ou vítimas da guerra (García Lorca, Antonio Machado), escritores de ideoloxía orientada á esquerda (Albert Camus, Jean Paul Sartre, Simone de Beauvoir, Bertrand Russell, Pablo Neruda, Máximo Gorki, Karl Marx…), autores que non respectaban a doutrina da Igrexa Católica ou a súa moral sexual (Nabokov, coa súa célebre Lolita; Alberto Moravia, James Joyce, Franz Kafka, André Gide…).
Moitos destes títulos prohibidos circulaban por España dun xeito clandestino. Editados na Arxentina (na editorial Losada, sobre todo, mais tamén noutras como a editorial Sur) ou en México (no Fondo de Cultura Económica, na editorial Joaquín Mortiz, en Grijalbo…), chegaban a España de contrabando e algunhas librarías, que os tiñan agochados, ofrecíanllelos aos clientes nos que sabían que podían confiar.
Tamén entran nesta categoría os libros da editorial Ruedo Ibérico, creada en París, no ano 1961. Ruedo Ibérico publicaba libros referidos á realidade social española, que facían chegar a España por diferentes medios.
Por eses camiños foi como acabaron chegando algúns deles ás mans do protagonista da novela, sobre todo a través do encadernador Euclides.
Nos anos sesenta, o panorama da edición en galego era moi precario, e os escasos libros que se publicaban tiñan tiraxes curtas e unha distribución restrinxida a certas librarías. Os libros que le o noso protagonista —Longa noite de pedra, Cousas, Vento ferido e Merlín e familia— chegan a el a través dos seus amigos Suso e Santi, que comezaran a frecuentar a Asociación Cultural “O Facho”, unha das primeiras que se creou en Galicia.
As novelas e relatos do personaxe creado por Arthur Conan Doyle coñeceron moitas edicións de carácter popular. En A viaxe de Gagarin aparecen porque eran os que utilizaban os militantes clandestinos para identificar os seus contactos. E dáse a entender que deles procede o nome do enigmático Camarada Holmes.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.