Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(Na imaxe, momento en que Buzz Aldrin se dispón a pisar a superficie da Lúa)
Despois do éxito do programa Vostok, que fixo posible o voo de Iuri Gagarin, de Valentina Tereshkova e dos outros cosmonautas soviéticos, estableceuse unha rivalidade entre a URSS e os EE. UU. sobre a conquista do espazo. O obxectivo das dúas grandes potencias mundiais era conseguir que un ser humano pisase a superficie da Lúa. Comezaba a carreira espacial.
Isto obrigaba a un gran esforzo científico e tecnolóxico, así como a orzamentos desmesurados. Había que ir dando os pasos intermedios (estadías prolongadas dun ser humano no espazo, foguetes cada vez máis potentes, naves sen tripulación que orbitasen arredor da Lúa, naves tripuladas que se achegasen á Lúa…) que fixeran posible chegar ao obxectivo final. Eses pasos intermedios fóronse dando ao longo dos anos sesenta, tal como se van enumerando ao longo da novela. Avances que permitían ver cada vez máis preto a soñada conquista da Lúa.
Aínda que abundan as testemuñas gráficas destes sucesivos pasos, eu destaco aquí a serie de catro documentais sobre a «Space Race», producidos pola británica BBC, que me parece a máis completa e rigorosa.
Para facelos máis atractivos, nos capítulos mestúranse partes dramatizadas con filmacións reais, e saliéntase a rivalidade entre Sergei Korolev, o cerebro do programa da URSS, e Werner von Braun, o alemán a quen se lle encargou dirixir o programa dos EE. UU.
O resultado é unha reportaxe exhaustiva sobre o que foi a conquista do espazo desde os seus comezos. Paga a pena vela, por longa que sexa. O que nos interesa aquí é o capítulo 3 (dividido en cinco partes), que finaliza coa viaxe de Gagarin, e sobre todo o capítulo 4 (tamén dividido en 5 partes), onde se recollen os sucesivos pasos dados nos anos sesenta, que culminaron coa chegada á Lúa de Neil Armstrog e Buzz Aldrin, en xullo de 1969. Velaquí a primeira das cinco partes:
A segunda podémola ver aquí, a terceira neste enlace, e a cuarta nestoutro. A quinta, que recolle a chegada á Lúa, é esta:
De calquera xeito, se se quere ter un resumo máis breve da carreira espacial espacial e da chegada á Lúa, recomendo este especial do xornal El Comercio, que inclúe textos, fotos e vídeos presentados dun xeito sintético e atractivo.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.