Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(Na imaxe, un fotograma de West Side Story,
co enfrontamente entre as dúas bandas rivais, os Sharks e os Jets, no West Side de New York)
No capítulo 18 da novela, o protagonista lembra as películas que viu na compaña da moza que amaba:
Aínda gardo as entradas das películas que vimos xuntos aquel ano, daquela eran ben máis grandes ca eses tíckets ridículos que empregan agora. Como tiña o costume de lles poñer por detrás o título e a data, podo rememorar cada unha daquelas funcións compartidas. Como esquecelas, se forman parte dos momentos máis felices da miña vida? O coleccionista, ¿Que foi de Baby Jane?, West Side Story, O planeta dos simios, O graduado, My Fair Lady, Doutor Zhivago, Bonnie and Clyde… Películas que, cando agora as reencontro nalgunha cadea de televisión, me enfrontan á alegría da lembranza e ao amargor da perda, que sempre acaba por impoñerse.
Todos eles son filmes que acadaron un amplo éxito comercial cando se estrearon en España. E, por unha ou outra razón, co paso dos anos acabaron por ser referentes significativos do cine da década dos sesenta. Velaquí o trailer (ou unha pequena reportaxe) sobre cada un deles.
O coleccionista (The collector, 1965. Dir. William Wyler) é unha película que abriu camiño á posterior xeira de películas de psicópatas, entre o drama e o terror. Con só dous personaxes, Wyler artellou un filme imposible de esquecer.
Que foi de Baby Jane? (What Ever Happened to Baby Jane?, 1962. Dir. Robert Aldrich). Dúas irmás que se odían vense na obriga de vivir na mesma casa. Unha non se pode valer por si mesma e terá que sufrir as maldades da outra. Unha interpretación soberbia de Bette Davies e Joan Crawford.
West Side Story (West Side Story, 1961. Dir. Robert Wise e Jerome Robbins) foi unha das películas míticas entre a mocidade dos sesenta. O drama de Romeo e Xulieta trasladado a un barrio marxinal de New York, co problema da inmigración como fondo, e con extraordinarias secuencias musicais.
O planeta dos simios (Planet of the Apes, 1968. Dir. Franklin J. Schaffner). Aínda que en anos posteriores houbo outras versións, esta película conserva unha forza que non chegou a acadar ningunha outra. A secuencia final é unha das máis famosas da historia do cine.
O graduado (The Graduate, 1967. Dir. Mike Nichols). Á sona desta película contribuíu a súa banda sonora, con cancións de Simon & Garfunkel. Unha historia de amor, dentro da confrontación xeracional que se deu na década dos sesenta.
My Fair Lady (My Fair Lady, 1964. Dir. George Cukor). Un dos musicais máis coñecidos, que recrea a historia de Pigmalión no Londres dos primeiros anos do século XX.
Doutor Zhivago (Doctor Zhivago, 1965. Dir. David Lean). Baseado na novela do Nobel ruso Boris Pasternak, o filme conta unha historia de amor no contexto dos anos da revolución rusa, nunha reconstrución histórica magnífica.
Bonnie and Clyde (Bonnie & Clyde, 1967. Dir. Arthur Penn). Unha das películas máis populares da década, baseada na historia real dunha parella que se dedicaba a atracar bancos. Unha visión nova do cine de gansters.
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.