Artigos recentes
31. Índice das entradas do blog
July 30, 201430. Poñéndolle o ramo
July 14, 201429. A carreira espacial e a chegada á Lúa
July 14, 201428. Os libros da novela
July 13, 201427. A oposición ao franquismo
July 11, 2014
(Na imaxe, un fotograma de Fahrenheit 451,
a película que François Truffaut fixo sobre a novela de Ray Bradbury)
En A viaxe de Gagarin, a novela Fahrenheit 451, do escritor norteamericano Ray Bradbury, ten unha destacada presenza de carácter simbólico, e algúns fragmentos dela ocupan case por completo o capítulo 24.
Nos anos sesenta publicouna en España a editorial Plaza&Janés, foi a primeira novela de Ray Bradbury que se puido ler. Poucos anos despois, xa no final da década, comezarían a venderse en España os libros da Editorial Minotauro, que fundara en Bos Aires o galego Francisco Porrúa, o mesmo que editaría os Cien años de soledad de García Márquez, o Rayuela de Cortázar ou O Hobbit e O Señor dos Aneis de Tolkien.
Minotauro, especializada en bos libros de ciencia ficción, foi unha marabilla para as persoas amantes do xénero. Unha colección que se inaugurara en 1955, precisamente con outra novela de Ray Bradbury, Crónicas Marcianas, con prólogo de J. L. Borges (desta novela extraordinaria, hai edición galega en Xerais, o mesmo que de Fahrenheit 451).
“Queimar era un pracer.”
Con estas palabras comeza Fahrenheit 451, que Ray Bradbury (1920-2012) escribiu en 1953, nos anos en que os Estados Unidos vivían a represión da “caza de bruxas” do infame senador McCarthy. O propio Bradbury, nun texto imprescindible (“A lume vivo”) que se inclúe como introdución nalgunhas edicións do libro (por exemplo, na edición galega de Xerais, con tradución de Mª Magdalena Fernández Pérez) explica cal foi a xénese desta novela, tan afastada dos parámetros oficiais da ciencia ficción.
En realidade, aínda que nos seus libros empregue os recursos da ciencia ficción, as novelas e relatos de Bradbury achégannos a temas que estaban de actualidade no seu tempo e que, en boa medida, seguen a estalo nestes primeiros anos do século XXI. Tal ocorre con Fahrenheit 451, unha fábula sobre a importancia da liberdade, sobre os perigos da manipulación social e da alienación tecnolóxica, sobre a opresión que nos chega desde o poder… E, sobre todo, unha defensa afervoada da cultura, dos libros e da lectura, de necesidade que temos as persoas de soñar, de que nos conten historias. E da rebeldía, como exemplifica a cita de Juan Ramón Juménez que abre o libro: «Se che dan papel raiado, escribe pola outra cara.»
A trama desta novela imprescindible xa é coñecida dabondo. Transcorre nunha sociedade futura onde a lectura está prohibida. Montag é un xefe dos bombeiros encargados de queimar os libros. Un día, cando se dispón a queimar os que descubriran na casa dunha anciá, colle algúns deles e gárdaos para si. Está intrigado, quere saber que hai neses pequenos obxectos tan importantes para algunhas persoas. Leos, ás agachadas, e reincide máis veces, ata quedar atrapado nas redes da lectura. Converterase entón nun ilegal, perseguido polos que foran os seus compañeiros, forzado a fuxir se quere salvar a súa vida.
Nesta secuencia de Fahrenheit 451, a película que fixo Truffaut, está moi ben recollida a obsesión pola queima de libros e os razoamentos que o xefe dos bombeiros lle fai ao protagonista:
A queima de libros é máis ca unha metáfora. Temos na historia exemplos dabondo para comprobarmos que as sociedades totalitarias odian os libros (ou certa clase de libros) e fan canto sexa necesario para prohibilos ou para destruílos. Tamén para queimalos: aí están os exemplo da Alemaña de Hitler, do Chile de Pinochet e da Arxentina da Junta Militar ou da España de Franco (tremenda!, a foto da queima de libros na Coruña que Manuel Rivas coloca ao inicio do seu Os libros arden mal).
Hai moitos máis fíos neste libro, quen queira afondar nel pode facelo neste enlace, nestoutro ou noutro máis. E hai un final sorprendente e marabilloso, que pon unha raiola de esperanza no panorama opresivo que preside a novela. Un final que levou, entre outras realizacións, á creación do Proyecto Fahrenheit 451 (as persoas libro) por parte da Escuela de Escritores, unha iniciativa moi estimable, da que este vídeo é unha mostra:
Este blog nace para compartir cos lectores unha boa parte da suxestiva documentación que o autor manexou para escribir A viaxe de Gagarin.
Cincuenta anos despois da viaxe de Iuri Gagarin, un home lembra a súa adolescencia na Coruña dos anos sesenta, baixo a ditadura de Franco: os segredos que oculta a súa familia, a obsesión pola aventura espacial e, sobre todo, a apaixonada historia de amor que o marcaría para sempre.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no resto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás linguas máis importantes.